Nós estamos a sufrir os ataques do goberno do PP que pretende reformar a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo volvendo a un sistemas de supostos máis restritivo que a lei de 1985. Un novo ataque aos nosos dereitos que condenaría a milleiros de mulleres a poñer en perigo a súas vidas recorrendo a prácticas de risco.
Dende EU esiximos ao Estado que garanta os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, entre eles a interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública. María Rozas, responsable nacional da secretaría de muller de EU manifesta “opoñémonos ao machismo e misoxinia dunha reforma que negará o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade por duras que sexan as circunstancias. O goberno guiado por unha minoría ultra conservadora pretende tutelar as nosas vidas e os nosos corpos, someter a discrecionalidade da súa moral as nosas decisión privadas e individuais. A maternidade debe ser froito dunha decisión persoal tomada en plena liberdade e non froito dunha imposición legal.
Dende Esquerda Unida non só rexeitamos a modificación restritiva da lei senón que apostamos pola súa modificación para superar as eivas existentes e para ampliar e garantir este dereito fundamental. Defendemos a promoción de todas aquelas medidas que favorezan a maternidade en lugar de impoñela. Medidas que favorezan o empoderamento das mulleres e a conciliación laboral e familiar en vez de recortar en dereitos laborais, en sanidade, en educación, en políticas de igualdade, en axudas á dependencia, etc.
Nestes días nos que teñen lugar multitudes de mobilizacións a nivel mundial na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, Esquerda Unida fai un chamamento á participación da cidadanía na manifestación nacional, do sábado 28 de setembro, ás 17.30 (na estación de tren), en Compostela que convoca a Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto, da que formamos parte, para reclamar o noso dereito ao acceso ao aborto legal, seguro e na sanidade pública.