ferrol.gif - 5.79 Kb

Ponencia Club Rotario

 

 

Neste encontro, a primeira candidata de EU avanzará as liñas mestras da proposta de cidade que a nosa organización desenvolverá no vindeiro mandato corporativo. Diante da situación de excepcionalidade derivada da crise, Esquerda Unida vai desenvolver cinco liñas de traballo e tres eixes de transformación.

 

Dunha banda EU vai desenvolver unha política de remunicipalización dos servizos públicos, cuxos exemplos deste compromiso poden ser: a actual campaña a prol da remunicipalización do servizo de augas e saneamento, que xa está no proceso da da iniciativa popular coa recollida de milleiros de sinaturas; ou o que acadamos no acordo orzamentario de 2009, referido ao servizo de axuda no fogar e o incremento da partida orzamentaria e mellora das condicións laborais nas que se  presta o devandito servizo.

 

A creación de emprego  constitúe un segundo elemento central e diferenciador das nosas políticas para acadar unha cidade cohesionada: o desenvolvemento da oferta pública de emprego e o desenvolvemento dos nichos de traballo en educación infantil e dependencia  ( centros de día e residenciais que necesita a nosa poboación maior e dependente ). E xunto a esta liña a que fai fincapé no desenvolvemento da economía social para pular polas iniciativas de creación de emprego vencelladas ao cooperativismo e as actividades económicas de signo social alternativo.

 

A afirmación do terceiro campo de actuación é o que atinxe ao desenvolvemento e ampliación das políticas sociais, campo de especial relevancia toda vez que a duración e intensidade da crise son extraordinarias e comprometen o porvir de milleiros de ferrolás e ferroláns en paro e sen protección social significativa. O concello ten que coidar e desenvolver esta acción pública integradora.

 

Unha cuarta liña de traballo fai fincapé na posibilidade de executar unha política fiscal progresiva e atenta ás necesidades sociais da nosa veciñanza. Varias e significativas son as accións emprendidas neste mandato nese eido: o frustrado ( polo posterior acordo do Goberno Municipal co PP )  acordo para as ordenanzas fiscais, o desenvolvemento do fondo de garantía familiar e dos microcretos, as accións destinadas a producir unha rede social contra os desafiuzamentos, etc.

 

Por último, aínda que non menor, a defensa e coidado da nosa ría, punto nodal que condensa  un proxecto de cidade sustentable, integrador e respectuoso das capacidades naturais e do emprego asociado que ten e pode ter a nosa ría. As loitas contra a ilegal e perigosa planta de gas ou a nosa defensa para evitar que un trazado ferroviario economicista e destrutor remate por derrotar o futuro que ten a ría de Ferrol como elemento natural, produtivo e de ocio e deportivo extraodinario, significan pór en valor para o porvir un ben fundamental de Ferrol.

 

Xunto a estas cinco liñas de traballo, EU afincará a súa proposta de cidade na extensión e profundización de tres eixos transformadores para producir unha pequena revolución na vida da nosa cidadanía: as políticas de democracia participativa, recualificadas e ampliadas, son decisivas para garantir a implicación cidadá encol das políticas de transformación social.

 

A recuperación dunha concellería propia de Muller, quen de dar un novo pulo as políticas que neste eido se produciron no primeiro ano: creación da Casa da Muller , programa de investigación social Ferrol en Feminino, e mellora e ampliación pendente da Casa de Acollida, entre algúns dos máis salientables.

 

Unha política cultural alternativa e participada constitúe o terceiro eixo  de acción para producir unha pequena revolución na cidade, quen de acadar a creación de novos públicos, a ampliación da programación cultural e a dotación dos espazos culturais gañados.

 

En resumo, un acabado avanzo dun programa para gobernar Ferrol coa veciñanza e ancorados nas políticas de esquerdas.

Relacionados