Ante a sucesión “expres” plantexada polos secuestradores da democracia que veñen de votar no congreso de costas á cidadanía, a esquerda rupturista, demanda a apertura dun proceso constituinte no que se resolva a forma de estado e que se recoñeza o dereito a decidir dos pobos que conforman a realidade plurinacional do estado.
Dende o parlamento europeo, 68 deputados e deputadas de toda Europa, a iniciativa da Esquerda Plural e ICV, veñen de asinar unha declaración na que se demanda un referendo sobre a xefatura do estado en España. Ante a evidente falta de democracia no estado esta declaración implica un compromiso por parte das e dos asinantes de “traballar por unha democracia plena en Europa e nos estados membros”.
Dende Esquerda Unida consideramos que xa deberían de estar superadas as prácticas do “todo para o pobo pero sen o pobo” que obedece aos criterios das monarquías absolutas. O paternalismo que se quere aplicar á cidadanía, co beneplácito de PP e PSOE, responde aos ditados dun absolutismo tinguido de democracia que está a ser contestado nas rúas coa demanda da participación.
Dende Esquerda Unida nos sumamos e manifestamos o noso apoio ás mobilizacións que as forzas políticas e sociais teñen organizado en todo o estado para pedir un referendo e unha participación directa da cidadanía para desterrar a única institución do estado que non se elixe de xeito directo ou indirecto mediante sufraxio universal.






