Por unha educación igualitaria

Para levar isto a cabo, dende Esquerda Unida traballaremos, nos concellos nos que esteamos representados, para crear estruturas estables de participación política en materia educativa, desenvolvendo as competencias do Consello Escolar Municipal, cuxa consulta e participación no deseño do concello educador serán imprescindibles. Tamén levaremos a cabo Plans Plurianuais de Mantemento, garantindo equidade. Ditos Plans serán discutidos e elaborados de forma participativa pola Asemblea Sectorial de Educación. Ademais, propoñemos a elaboración dun Plan Director de Coordinación de Servizos Educativos para evitar os actuais desequilibrios entre a escola pública e a privada (concertada).

Neste sentido, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, asegura que “mentres estamos a soportar un gasto de máis 236 millóns de euros no ensino privado-concertado neste 2015, tamén estamos a sufrir unha forte diminución do gasto en programas tan importantes como os baseados na prevención do fracaso e o abandono escolar, formación do profesorado ou normalización lingüística; un feito que condena a educación pública a un papel cada vez máis subsidiario”, aprecia.

Respecto ás medidas en educación tamén contemplarase a de abrir os comedores escolares durante os tempos vacacionais, así como o desenvolvemento de actividades de ocio e socioeducativas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral e a atención ás familias mais desfavorecidas. “Non hai ningunha xustificación para que haxa nenos e nenas en España que non reciban unha alimentación adecuada, polo que a aposta das forzas da esquerda pasa por promover a apertura dos comedores escolares durante as vacacións”, incide.

Outra das medidas que se propón dende Esquerda Unida é a creación dun Plan Especial de Escolas Unitarias como espazos educadores que achegan un valor de enriquecemento en contexto permanente de aprendizaxe.  Ademais, tamén pularemos para sumar proxectos como a creación de escolas de nais e pais, entendidas como un espazo de formación e participación democrática. Por último, a remunicipalización das institucións educativas dependentes do concello que estean a funcionar en réxime de concesión ou a creación unha rede pública educativa municipal (ou mancomunada) de ensinanzas musicais, teatrais e danza é outra das medidas polas que Esquerda Unida loitará dende os concellos onde estea presente.

 

Relacionados