ron.png - 18.05 Kb

Por unha educación pública libre de lucro

Hoxe recupero o sentido da educación, do eido que debera permanecer “sen fin de lucro”, por parafrasear o acertado título do ensaio de Martha Nussbaum, Sin fines de lucro. Por qué la democracia necesita de las humanidades, Katz, Buenos Aires/Madrid, 2010.  

Os recentes datos económicos sobre orzamentos destinados a educación anuncian decrepitude e o incremento de máis dificultades para que a escola/instituto/universidade públicas podan exercer o seu rol social. As propias políticas educativas postas en marcha baixo o paraugas-xustificador das institucións europeas privilexian a rendibilidade económica de aí que os másters, por poñer un exemplo (no fondo, é toda a educación) teñan que “conectarse” co mundo da empresa e co seu discurso. Ao cabo, será a propia empresa a que decida os programas curriculares dos másters.

Por iso, para acelerar ese camiño economicista os xestores teñen que cumprir cunha primeira estratexia: reducir os orzamentos destinados a educación para, deste xeito, ter “xustificada” a entrada de capital privado na toma de decisións públicas. A xustificación da crise venlle de marabilla aos xestores do sistema e así, tal como nos informa Diego Barcala en Público, en dous anos o orzamento destinado a educación polo Estado e Comunidades Autónomas reduciuse en máis de 2.000 millóns de euros, dos que 1.622 millóns para este 2011  (http://www.rebelion.org/noticia.php?id=121830). Educación e sanidade, piares básicos para unha verdadeira política de igualdade de oportunidades, sacudidos polas decisións dos xestores. Cara a onde imos así?

 O esmorecemento das humanidades…ou da democracia?

“Con sede de diñeiro, os estados nacionais e os seus sistemas de educación están descartando sen advertilo certas aptitudes que son necesarias para manter viva a democracia. (…). En case todas as nacións do mundo estanse erradicando as materias e carreiras relacionadas coas artes e as humanidades, tanto a nivel primario e secundario como a nivel terciario e universitario” (Nussbaum, p. 20). 

Todo o que é sentido como inútil polos xestores das políticas educativas dentro da lóxica do capitalismo, que é competir nun mercado global é, sinxelamente, atacado. O fomento da rendibilidade é confrontado de forma abafante coa imaxinación, coa creatividade e mesmo co pensamento crítico. E, sen estas últimas, desándase o camiño que leva á comprensión relacional do ser humano, ao diálogo, ao recoñecemento e á solidariedade das diferenzas, á empatía, á reciprocidade e á xustiza social. Desándase o camiño que leva a unha cultura de paz e á propia esencia do que debe ser unha Democracia. Se as persoas son sentidas como rivais económicos, como obstáculos, como inimigos…de quen é a culpa?

Ten razón Nussbaum ao soster que “a liberdade de pensamento no estudante resulta perigosa se o que se pretende é obter un grupo de traballadores obedientes con capacitación técnica que leven á práctica os plans das elites orientados aos investimentos estranxeiros e ao desenvolvemento tecnolóxico” (p. 43).

O máis perigoso, e algo hai nestes momentos, é que o corpo docente, ese que debe ter como bandeira as razóns da educación emancipadora, está á súa vez dominado por sentimentos que van desde o desánimo até o medo, pasando pola apatía e a simple anuencia cos acontecementos políticos e sociais. Isto afecta a todos os establecementos públicos educativos e en todos os niveis. Recollemos, a modo de exemplo, a anécdota que ilustra os conflitos (de clase, de intereses educativos e formadores, no fondo) na universidade pública. Referímonos ao rexeitamento do título de Doutor Honoris Causa a Josep Fontana e a Jordi Nadal, discípulos do gran Vicenç Navarro, na Universitat Autònoma de Barcelona e do que nos informa Salvador Arnal (http://www.rebelion.org/noticia.php?id=121835).

Non á resignación….HAI SOLUCIÓN

Non obstante, non cabe resignarse. Na Comunidade de Murcia hai como un rexurdimento, un estourido de indignación ante os recortes de todo tipo que padece o sistema educativo. Eis o primeiro paso a seguir en todas partes: defender con convencemento o afortalamento (orzamentario, en recursos humanos e materiais, en dignidade sociolaboral, en igualdade de recursos entre centros, etc) dos nosos sistemas educativos públicos. Para iso é preciso loitar. O recorte económico practicado en nome das politicas de axuste neoliberal non volverá sen mobilización nos centros e nas rúas.

Un segundo paso debe pasar pola recuperación da plena participación do corpo docente nas decisións que máis están afectando á educación pública. A proba máis recente témola na Lei de Convivencia e Participación que a Xunta se inventou arrasando con todo o traballo anterior realizado e sen facer partícipe á comunidade educativa. Porque inventar unha lei e que esta sexa discutida en cónclaves representativos pechados non é o que se debe entender por Democracia Participativa. Pero cabe felicitarse: a negativa a unha farsa foi común, agás para os defensores dos xestores.

Un terceiro paso, firme, debe ser liberar a educación pública dos discursos mercantilistas, lucrativos e competitivos. Por iso, debemos eliminar de todo preámbulo lexislativo referido a educación toda referencia a esa retórica mercantilista. Temos que recuperar para a educación o carácter máis xusto e igualitario posible, que sexa quen de frear as desigualdades sociais existentes e que se asente nos preceptos da educación emancipadora.

O cuarto paso é máis duro en base á propia concepción existente do que debe ser un servizo público: crear as condicións necesarias para situar á educación fóra da órbita do partido de turno que goberne, fóra das pelexas electoralistas para asentar (de forma definitiva) o concepto de que a educación é un servizo público sen fin de lucro.

Relacionados