Por unha sociedade sustentable

Co fin de acabar con este modelo, dende Esquerda Unida traballaremos, nos concellos nos que esteamos representados, para reequilibrar a trama urbana, desfacer as fronteiras que segregan e tender pontes entre os barrios e as parroquias. Todo protagonizado polos procedementos de democracia participativa, que darán as claves de onde ubicar o equipamento social, como crear as zonas verdes, de que forma distribuir as vivendas sociais ou como dinamizar o comercio e as zonas industriais, entre outras.

Respecto a esta situación, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, sinala que “é necesario rematar co modelo depredador que espoliou o patrimonio natural, que esnaquizou os espazos de propiedade colectiva, que eliminou os espazos públicos de socialización e que fracturou a continuidade dos barrios e a convivencia veciñal”.

“As políticas de depredación do capitalismo fixeron estourar aos principios de prevención, precaución e transversalización das políticas de sustentabilidade. Polo contrario, a planificación urbana que propón Esquerda Unida corresponde a posta en marcha dunha sociedade ecoloxicamente sustentable e que garanta as necesidades básicas da xente”, precisa Díaz.

Neste sentido, Esquerda Unida busca a sustentabilidade social, territorial, económica e ambiental. Para iso, o enfoque debe ser non só municipal, senón que debe integrarse en política de coordinación e cooperación supramunicipal. Os concellos son para Esquerda Unida suxeito colectivos que cooperan e non entidades destinadas a competir entre eles.

As políticas de depredación do capitalismo fixeron que estouraran os principios de prevención, precaución e transversalización das políticas de sustentabilidade e seguimos co modelo SOGAMA, que supón incumprir os protocolos e documentos que se asinan en canto ao quecemento climático e aproveitamento da enerxía.

En materia de ecoloxía e territorio, a ordenación do territorio e xestión do solo mediante mecanismos de participación cidadá ten un enfoque ecolóxico e social. O patrimonio público de solo non será obxecto de mercantilización por parte da administración pública. Ademais propoñemos a redefinición do PXOM tendo en conta o respecto polo Plan de Acción Local da Axenda 21.

Respecto ao transporte público, levaremos a cabo unha política de cooperación supramunicipal coa que podamos deseñar metas de obrigado cumprimento como a redución de emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro, reducir a dependencia enerxética e mellorar a calidade de vida a través dunha rede de transporte público comarcal áxil e que cumpra cos obxectivos que se planifiquen.

Máis polo miúdo, elaborarase un estudo para a posta en marcha dunha pequena rede de ferrocarril de cercanías, ademáis de outro estudo para a creación de carrís bicis de incidencia supramunicipal que se conecten con Plan Director da Bicicleta para poñer en relación aos concellos da veciñanza e aproveitar as potencialidades da paisaxe e da natureza para crear roteiros verdes.

Relacionados