Posible visita Papa

Por iso, respectaríamos a anunciada e proxectada visita do Papa Francisco I a Santiago, debido ao necesario respecto democrático que debe rexer a normalidade da convivencia entre as diferentes crenzas e ideoloxías existentes na sociedade.

Non obstante, o que é inadmisible, e non pode volver a acontecer, son as mostras de vasalaxe que as distintas administracións públicas manifestaron na anterior visita a Santiago dun Papa, a de Bieito XVI en novembro de 2010, onde mesmo se romperon as normas democráticas de funcionamento das nosas administracións para impoñer as que rexen no Vaticano.

Non toleraremos o desbaldimento de cartos públicos para converter as rúas e prazas da nosa cidade, que son das veciñas e veciños, en altares católicos, todo isto baixo a coacción policial ao se converter Santiago nun esperpéntico estado policial que non pode volver a ser revivido.

Esiximos, tanto do Concello e a Xunta, a debida transparencia sobre a posible visita do Papa pois no marco dun Estado aconfesional, artigo 16 da Constitución, a cidadanía non ten porque costear as visitas pastorais de quen vén a predicar doutrinas que lexitiman a submisión e discriminación da muller ao mesmo tempo que ataca modelos de familia presentes na sociedade e vilipendia a diversidade afectivo-sexual, e que representa a unha institución que ataca o uso do preservativo, mentres morren milleiros de persoas a causa da SIDA, e que mantén una actitude deplorable ante os casos de pederastia acontecidos no seu seo.

Por estes motivos, entroutros, o Consello Comarcal de EU, dentro do respecto e a normalidade democrática, apoiará e participará nas posibles actuacións e manifestacións que se podan levar a cabo en defensa do laicismo e contra as deplorables accións ou posicionamentos que defende a igrexa católica.

Por último, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela non considera necesaria, nin beneficiosa en ningún sentido, a posible visita do novo Papa, e se ten que darse que sexa a conta dos inxentes recursos que manexa o propio Vaticano, recursos escuros e de dubidosa moralidade na súa procedencia, así como dos que posúe a propia xerarquía eclesiástica galega e española.

Esquerda Unida Compostela manifesta, una vez máis, a necesidade de acadarmos un Estado Laico e aconfesional.

Relacionados