Dicimos que comeza, porque o correcto funcionamento da EDAR de Bens aínda non é unha realidade, senón que é un futurible.
Neste sentido temos que denunciar que o título do asunto que o goberno municipal trae ao pleno é retorto, induce á confusión e terxiversa a realidade, pois literalmente di “Informe ao Pleno Municipal relativo ao proceso de posta en marcha do servizo público de augas residuais entre os Concellos usuarios da depuradora de Bens: A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros”. Porque o que se trae ao pleno non se trata da “posta en marcha do servizo”, senón de tan só un trámite burocrático co fin de ir achegando aos Concellos da comarca á entrada na nova empresa EDAR BENS SA. propiedade exclusiva de EMALCSA e cuxo proceso de xestión correu a cargo do Concello da Coruña, sen contar en igualdade de condicións coa opinión dos Concellos aos que agora pide apoio en nome do ben común dunha mancomunidade que menosprezou reiteradamente.
O servizo de depuración de augas residuais da Coruña amosa con claridade os motivos polos que o Estado español, da mano de PP e PSOE, chegou a lamentable situación na que nos atopamos na actualidade: caos económico, ruína nas administracións, desemprego galopante e pobreza na poboación. Efectivamente a EDAR de Bens serve de exemplo de mala praxe política e chapuza administrativa, caracterizada polo escurantismo, a desidia, o dispendio dos cartos públicos e a presunta corruptela política que corroe o noso Estado Democrático e de Dereito. Tal é o despropósito do acontecido coa EDAR de Bens que poderíamos bautizalo como o Gaias coruñés.
O tratamento das augas residuais na Coruña non so é unha actuación fundamental e necesaria para asegurar a calidade das nosas augas, senón que é unha obriga en virtude da Directiva Europea do 1991, sobre el tratamento das augas residuais urbanas que establecía como data límite para depurar as augas para núcleos de máis de 15.000 habitantes, o 31 de decembro de 2000. Con todo apesares de aprobarse o proxecto no 96 no comezou a súa execución até o ano 2001, é dicir a desidia dos nosos gobernantes provocou que xa se incumprise a normativa europea antes de comezar as obras. De feito o tribunal europeo, en sentencia do 14 de abril de 2011, condenaba ao Estado Español polo incumprimento da directiva de augas, entre outras moitas localidades, na Coruña.
O investimento desta actuación de aproximadamente 130 millóns de euros foi financiado nun 85% por Europa e nun 15% pola Xunta de Galicia. Este dantesco investimento, un dos máis grande da historia da cidade, está a todas luces sobredimensionado, amosa, cando menos, unha mala xestión dos fondos públicos. Unha mala praxe que sumada a escurantismo e o escandaloso sobre custe aporta indicios de enriquecemento indebido, hipótese que cobra forza estando por medio Fernandez Liñares o membro do PSOE imputado polo caso Pokemon que era o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil cando este ente asinou o convenio co Concello da Coruña o 14 de xaneiro de 2011. Non cabe dúbida que o tratamento de augas residuais é un proceso custoso, pero 130 millóns de euros constitúe a metade do orzamento da Coruña do 2013, é todo iso destinado a unha soa obra civil… Dende logo aos técnicos do área de medio ambiente de Esquerda Unida non lles cadran as contas, nin moito menos. Analicemos por exemplo o emisario de bens, que non deixa de ser un tubo asentado sobre o fondo mariño polo que se bombea o auga da EDAR tivo un custe de 12 millóns, cando outras infraestruturas similares ten un custo aproximado de 3 millóns de euros.
Asemade, a depuradora de Bens nace obsoleta, como así recoñeceu a propia Xunta a finais de ano indicando que a depuradora necesita unha ampliación. Mentres que tanto os gobernos municipais do PSOE anunciaban falazmente unha capacidade de 600.000 habitantes, a realidade é que está dimensionada para 325.000 habitantes, poboación que na actualidade xa superan os concellos asinantes, pois segundo os datos do INE no 2012 superan os 364.000 veciños e veciñas. Si ven é certo que se pode ampliar até os 600.000 habitantes a realidade económica fai case imposible a devandita actuación que ten un custe duns 78 millóns de euros que a Unión Europea xa non subvencionará. Si 78 millóns, escoitaron ben uns dez Urdangarins. Así pois a EDAR de Bens terá que funcionar ao 100% da súa capacidade e aínda así non poderá depurar toda a carga orgánica do afluente, dito doutra maneira a EDAR de Bens verterá ao mar auga sen o correcto tratamento.