Posición no pleno ordinario 10/07

 

As novas medidas supón un enorme ataque ao estado de benestar e á nosa democracia. Un ataque directo a pensionistas, parados e traballadores públicos que verán minguados os seus dereitos e que o goberno do PP faios responsables da crise  económica, aplicando medidas como:

 

1. Incremento do IVE xeral en tres puntos, do 18% ao 21%.

2. Suspensión da paga extra de Nadal aos traballadores públicos.

3. Revisión integral da función pública: Redución do número de días de libre disposición, axuste do número de liberados sindicais así como outras medidas.

4. Recorte do subsidio de paro a partir do sexto mes, do 60% ao 50% sobre a base reguladora.

5. Reforma das pensións.

6. Eliminación da dedución no IRPF pola compra da vivenda.

7. Revisión do baremo e as prestacións económicas do sistema de dependencia.

8. Reforma da administración local: Redución do 30% no número de concelleiros, redución de empresas e fundacións públicas.

9. Redución das cotizacións sociais aos empresarios.

10. Supresión de bonificacións á contratación.

11. Recortes de 600 millóns de euros nas partidas de gastos dos ministerios.

12. Reforma da tributación ambiental.

13. Aumento do Imposto que se aplica ao tabaco.

14. Flexibilización dos horarios comerciais, especialmente nas áreas turísticas.

15. Liberalización e, nalgúns casos privatización, de servizos asociados ao transporte e no sector servizos.

Esta factura social que imos pagar é altísima e sumamente negativa: recortes para pensionistas, parados, traballadores públicos e para os propios concellos, que verán minguada a representatividade democrática. E, mentres, aos defraudadores aplícase unha amnistía fiscal.

Con estas medidas o Goberno fai pagar a crise aos de sempre, é dicir, aos traballadores e traballadoras, neste caso os empregados públicos, á mocidade e ás mulleres, en lugar de tomar medidas para que as paguen os poderosos, que son os que xeraron a crise.

Non cabe dúbida que rexeitamos profundamente as devanditas medidas, máis tamén é certo que é de xustiza que si o goberno do PP mete as mans nos petos dos empregados e empregadas públicas, o goberno municipal por coherencia e solidariedade aplique á corporación e persoal directivo o disposto para as retribucións do persoal do sector público.

As Administracións públicas débense rexer, entre outros, polo principio de austeridade, principio que cobra maior importancia nestes momentos de crise sistemática. Son, precisamente, os cargos públicos, os que con maior intensidade deben dar exemplo de austeridade, por tal motivo Esquerda Unida – Os Verdes defende a redución dun 25% dos emolumentos dos cargos públicos, persoal de confianza e altos directivos. Así como a eliminación da direccións de Áreas.

REXISTRO DE FACTURAS (VOTO EN CONTRA)

Sométese a este Pleno a aprobación provisional do texto das “Bases Reguladoras do Rexistro Central de Facturas e Utilización da Sinatura Electrónica Recoñecida nos Procedementos de Xestión de Documentos Contábeis, e da Fiscalización Electrónica no Concello da Coruña”.

Xa era hora de que o Goberno Municipal empezara a traballar nesta medida. O Grupo Municipal de Esquerda Unida leva esixindo a mellora da xestión do Concello desde o primeiro día do actual mandato, evidentemente dispor dun Rexistro de Facturas é unha medida básica e imprescindíbel. Polo tanto queremos deixar claro que compartimos co Goberno Municipal a necesidade de pular por esta medida máis botamos son os 16 meses perdidos.

Dito o cal, do mesmo modo que apoiamos plenamente a necesidade do Rexistro de Facturas e o progreso na utilización de ferramentas de administración electrónica, tamén anunciamos o noso rexeitamento frontal ao texto das bases reguladoras que se nos presenta.

Independentemente da multitude de matices e melloras que suxeriremos nunha alegación que presentaremos na procura de acadar un texto superador, como así fixemos  con éxito na ordenanza de rehabilitación, nas ordenanzas fiscais e na ordenanza de emerxencia social. Hai tres aspectos fundamentais que o Goberno Municipal tería que emendar si quixera contar co noso apoio na aprobación de estas bases reguladoras.

En primeiro lugar, consideramos intolerábel que unha proposta de bases reguladoras como a sometido a aprobación inclúa no seu texto o nome de marcas comerciais concretas, depreciando o principio de imparcialidade e conculcando a posibilidades de libre concorrencia entre potenciais subministradores.

É evidente que o Concello da Coruña, como calquera outra institución, promoveu no seu momento un procedemento de contratación do sistema informático de xestión contábel, concurso gañado pola actual empresa subministradora. Mais iso non é obice para que as bases reguladoras consagren a esa ou a outra empresa como o único subministrador posíbel das aplicacións de xestión contábel para o Concello da Coruña, adaptando o texto das bases ás características dun produto concreto dunha marca concreta.

En segundo lugar, reclamamos que estas bases reguladoras inclúan unha vella reivindicación dos autónomos e pequenos empresarios das cidade e da bisbarra: que o Concello publique na súa web as facturas que vai pagando, co obxectivo de que os subcontratistas lle podan exixir o pago dos seus servizos aos grandes empresarios, que poñen como desculpa a falta de pago por parte das administracións para atrasar ou non cumprir coas obrigas contractuais contraídas cos autónomos ou as pequenas empresas.

Por último, non compartimos o afán que ten o Concello en incluír a posibilidade de destruír a información contábel, tanto en papel como en dixital, inmediatamente despois de que finalice o período de prescrición da responsabilidade contábel.

Nas bases vixésimo segunda e vixésimo terceira, se di que transcorrido un prazo de seis anos, período de prescrición da responsabilidade contábel, poderá procederse a destrución dos documentos contábeis, tanto os soportados en papel, como os documentos e rexistros electrónicos. Cal é o motivo que ten o Goberno Municipal paa deixar aberta esta posibilidade? Considera tan desafortunada a súa xestión como para considerar a posibilidade de ter que destruíla o antes posíbel?

Creemos que o procedemento correcto é redactar unhas bases que describan as características de xestión que require o Concello para a xestión electrónica e logo buscar un produto que se adapte ás características decididas ou esixir ao actual subministrador que adapte o seu produto a elas.

A falta de respecto ao principio de concorrencia ente subministradores e o favorecemento dunha empresa concreta é tan descarado que na base vixésima se di que só se fiscalizarán electrónicamente os expedientes sempre e cando un produto concreto dunha marca concreta incorpore unhas características determinadas.

Parécenos escandaloso e bordeando a falta de respecto que un texto que intenta favorecer de un modo tan descarado unha marca comercial concreta sexa sometido a aprobación deste Pleno.

Pedimos ao Goberno Municipal que o retire, o reformule e, coas emendas oportunas, presente un texto alternativo, xa que a existencia dun rexistro de facturas e a implantación da administración electrónica son moi necesarias para mellorar a xestión municipal.


CONTA XERAL 2011 (VOTO EN CONTRA)

En primeiro lugar queremos poñer de manifesto falta de correspondencia dos orzamentos do exercicio 2011 coa realidade. No referente aos ingresos as previsións definitivas foron 325 millóns de euros, mentres que a recaudación neta foi de 214 millóns de euros. No referente a os gastos os créditos definitivos foron os mesmos 325 millóns mentres que os pagos realizados foron 220 millóns de euros. É dicir que o o Concello comprometeu 6 millóns de euros máis dos que lle corresponde ingresar.

Por outra banda, o goberno municipal deixa, no exercicio 2011, case 21 millóns de euros en dereitos pendentes de cobro e case 19 millóns pendentes de pago. Estamos seguros de que o pendente de pago haberá que pagalo, pero dubidamos de que se cobren os 21 millóns pendentes de cobro.

No referente a débeda herdada, ao principio do exercicio os dereitos pendentes de cobro eran de 70 millóns de euros e o Goberno municipal reduciunos a 45 millóns. Isto, que semella unha boa nova en realidade non o é porque a recadación foi so de 12 millóns, xa que o PP reduciu mediante técnicas contables o saldo a cobrar en 5 millóns de euros, anulou liquidacións por valor de outros cinco millóns e cancelou por insolvencia outros tres millóns.

E dicir que diante das das denuncias realizadas polo noso grupo municipal neste sentido fai un ano e o compromiso do PP de resolver o devandito problema, este optou por triquiñuelas contábeis para ofrecer diante da cidadanía unha falsa imaxe de eficacia. Así unha vez máis observamos con tristura como o goberno fala e compromete moito pero fai e cumpre pouco. De feito o PP Perde máis tempo en publicitar a súa acción de goberno que en desenvolvela.

Esquerda Unida – Os Verdes ten como prinicipio rector da súa labor institucional, desenvolver unha oposición construtiva, responsábel e leal, xa que logo igual que denunciamos aquelas medidas que consideramos erróneas, non temos inconveniente en recoñecer os logros do goberno municipal, como por exemplo o esforzo realizado no pago de facturas pendentes do goberno bipartito, que deixou case 34 millóns sen pagar, e o goberno actual as reduciu a menos dun millón, medida importante para non afogar ás empresas provedoras do Concello e o efecto cascada que repercute sobre o tecido produtivo coruñés.

Desde o punto de vista da execución, temos que destacar que os gastos de persoal (capítulo I), gastos correntes (capítulo II) e transferencias (capítulo IV) presentan uns porcentaxes de obrigas recoñecidas ou de pagos superiores ao 90% respecto ás previsións definitivas do orzamento. Con todo, bo capítulo de investimentos reais, a porcentaxe de obrigacións recoñecidas sobre os créditos definitivos é de menos do 40% é a porcentaxe de pagos sobre os créditos definitivos é de pouco máis dun 30%.

Así pois, a nosa conclusión é que o Goberno Municipal actúa con eficiencia no referente ao pago de nóminas (capítulo I), facturas (capítulo II) ou subvencións e convenios (capítulo IV), aínda que neste punto non coincidamos coa política de subvencións, así como tampouco compartimos algúns dos convenios asinados. Mais é un auténtico desastre cando ten que xestionar os cartos (capítulo VI) de investimento para transformalos en activos que melloren a calidade de vida dos cidadáns. Tendencia que se mantén no último modificativo, na que se retraen cartos de proxectos de inversión como o acondicionamento do canle do río Mesoiro para empregalos en pagar facturas de festas ou regatas.

Vexamos algúns exemplos nos que sospeitamos que se desenvolveron argucias contábeis:

– Anulación de liquidacións por valor de 729.000 euros nos epígrafes de ingreso “Ingresos por enaxenación de vivendas e locais” o que moito nos tememos pode significar que alguén comprou unha vivenda ou un local o Concello en non o pagou.

– Anulación de liquidacións por cotas de urbanización por valor de 237.000 euros, e tamén a modificación contable dos saldos pendentes de cobro correspondentes tamén a cotas de urbanización por valor de case 2 millóns de euros.

– Modificación contable dos saldos pendentes de cobro á concesionaria do Hospital Labaca por valor de 376.000 euros.

– Modificación contable dos saldos pendentes de cobro e a anulación de liquidacións do epígrafe “Imposto sobre actividades económicas” por más de tres millóns de euros, e a declaración de insolvencia o prescrición de liquidacións de outros dos millóns.

Esperamos que o Goberno Municipal poida xustificar a redución contábel dos saldos pendentes de cobro e as anulacións e declaración de prescrición de liquidacións, que na práctica supón o perdón de máis de sete millóns de euros a empresas, promotores inmobiliarios e concesionarias, mentres a presión fiscal sobre as familias traballadoras vai en aumento.

Como conclusión queremos sinalar que o Goberno Municipal debería mellorar varios aspectos da xestión municipal.

En primeiro lugar, mellorar o método de confección dos orzamentos. Non é de recibo que a diferencia entre o previsto e a realidade sexa de 325 millóns e 220 millóns respectivamente. Entendemos que presentar uns orzamentos realistas é a primeira pedra dunha xestión eficiente.

En segundo lugar, debería mellorar os procedementos recaudatorios, xa que non pode ser que 20 millóns de euros queden pendentes de cobro, ou avanzar na proposta de Esquerda Unida no sentido de chegar a acordos de delegación da recaudación coa Deputación da Coruña, e que o Goberno Municipal xa fixo no referido a parte da recadación executiva.

En terceiro lugar, debería aprender a investir. Gobernar unha cidade non só consiste en pagar nóminas e facturas e repartir cartos en subvencións. Para gobernar unha cidade con éxito é imprescindible saber investir os cartos eficientemente, e esta é unha sinatura que o Goberno Municipal suspendeu cun moi deficiente.

MODIFICATIVO (VOTO EN CONTRA)

Xa o temos dito en innumerábeis ocasións os orzamentos xunto cos modificativos destes, constitúen a máis importante das ferramentas de xestión que calquera ente público ten a súa disposición para definir os seus obxectivos e para medir a súa consecución. A modificación do orzamento é a redefinición dos obxectivos a conseguir ou a emenda dalgún erro nas estimación ou nas previsións dos xestores.

Semella unha profunda contradición do Partido Popular que esteamos diante da aprobación definitiva do segundo expediente de modificación orzamentaria neste exercicio, cando durante anos na oposición denunciaba esta práctica como fracasos de xestión. É o peor de todo, como di o dito “non hai dous sen tres”.

Este expediente de modificación comprende preto de oitenta modificacións de distintas partidas orzamentarias que totalizan unha cantidade próxima aos tres millóns de euros. É evidente que debido ao curto espazo de tempo de intervención que dispoñemos no Pleno, os grupos municipais non podemos analizar polo miúdo unha a unha as oitenta variacións, polo que tentaremos por de manifesto aquelo que nunca aprobaría un Goberno Municipal de Esquerda Unida – Os Verdes.

Entendemos que para o Goberno Municipal a clave de esta modificación orzamentaria estivo en encontrar en que recortar para financiar a subvención que se van a dar a varias liñas aéreas por manter a súa actividade no aeroporto de Alvedro e tamén para financiar a visita á nosa cidade dunha regata de veleiros.

Respecto á subvención da visita da regata de Veleiros consideramos que o Partido Popular non aprendeu nada da desastrosa experiencia de goberno do seu propio partido na cidade de Valencia. ¿No é o Partido Popular da Coruña capaz de entender que unha política económica baseada na promoción de grandes eventos é pan para hoxe e fame para mañá? Non entende o Partido Popular que unha economía baseada nos festexos é unha economía fráxil que só xera traballo precario de baixa cualificación e pouco valor engadido?

Semella que o Partido Popular da Coruña non ten a capacidade suficiente como para entender o evidente, a necesidade de cambiar o modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo baseado na economía verde e na tecnoloxía. Como no modifique inmediatamente as súas políticas este goberno levará a cidade da Coruña ao fracaso, o déficit, o endebedamento e o desemprego.

Resulta inaceptábel que se recorten inverstimentos como o “Proxecto de Acondicionamento do Canle do Río Mesoiro” ou o “Plan de Modernización e Humanización de Prazas e Vías Públicas” para financiar unha festa.  A festa durou uns días nos que visitaron a cidade centos de miles de persoas, non vou a entrar na pueril discusión das cifras anunciadas polo Concello aínda que semellan esaxeradas. Pero a festa xa pasou, e dela non nos quedou nada máis que o recordo, porén o Río Mesoiro segue a estar feito un desastre e moitas das nosas rúas e prazas tamén.

Si isto é o mellor que sabe facer o Partido Popular para reactivar a economía da cidade, estamos perdidos. Onde está a promoción da industria, da tecnoloxía e da investigación? Esperamos, polo ben da cidade, que sexan quen de reflexionar e de variar o rumbo da promoción económica da cidade na dirección que lles levamos indicando dende fai tempo.

Un exemplo do que debería facer o Goberno Municipal do Partido Popular para mellorar a xestión do Concello e favorecer a actividade económica no sector das tecnoloxías está na partida destinada a renovar parte das tarxetas moedeiro plásticas para o sistema de transporte colectivo que se incrementa en 200.000 euros. É unha partida, e cuxa renovación total custará preto de dous millón de euros. Non podería o Goberno Municipal financiar un proxecto de investigación coa Universidade o con algunha empresa tecnolóxica para descorrer algún sistema baseado en teléfono móbil ou similar que non necesitase gastar o dineiral que supón renovar tarxetas plásticas, e que podería ser patentado e exportado por algunha empresa da nosa bisbarra?

Si vostedes non teñen ideas para promover o sector tecnolóxico da nosa cidade, non teñen que preocuparse. Pódennos preguntar. Porque nós si que as temos e non dubiden que colaboraremos con lealdade e sen pedir nada a cambio, porque o que nos preocupa e a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas.

Respecto á subvención a varias liñas aéreas por parte do Goberno Municipal, diremos que é a manifestación dun triplo fracaso do Partido Popular.

En primeiro lugar é un fracaso do ano de goberno de Mariano Rajoy na Moncloa e a expresión máis clara da irracionalidade e irresponsabilidade das súas medidas. A suba de taxas que o Señor Rajoy decretou para o aeroporto de Madrid – Barajas ca suposta intención de enxugar o déficit está a provocar o abandono da actividade en España de importantes liñas aéreas como EasyJet, que vai deixar Alvedro sen una gran parte do seu tráfico de pasaxeiros.

En segundo lugar é un fracaso do obxectivo, frecuentemente anunciado nos medios de comunicación, do Señor Feijoo, de coordinar a actividade dos tres aeroportos galegos. Que foi de aquel comité de rutas con participación dos gobernos municipais das tres cidades? Que foi de aquela intención de coordinar e complementar a oferta dos tres aeroportos?

A principios do mes de xullo, o Presidente da Xunta, no acto de entrega de credenciais a os becarios da Fundación Barrié, pedía “una propuesta valiente y desprovista de localismos que ayude a mejorar la coordinación de los tres aeropuertos gallegos”. Apenas un mes despois, o Goberno Municipal, tamén do Partido Popular, ignora esta recomendación e orzamenta 630.000 euros en subvencións para varias aeroliñas, entre elas a portuguesa TAP Portugalia, que desde Porto fai unha gran competencia os nosos propios aeroportos.

É en terceiro lugar é un fracaso ideolóxico das políticas neoliberáis defendidas polo Partido Popular e pola dereita en xeral. Non é o Partido Popular un defensor a ultranza da iniciativa privada? Non é o Partido Popular un defensor do libre mercado? Semella que o discurso do Partido Popular é completamente diferente cando se trata de subsidiar a familias traballadoras para que teñan un mínimo de subsistencia que para subvencionar a grandes empresas multinacionais.

 

Relacionados