Posición no pleno sobre orzamentos

Fai un ano, definiamos os orzamentos do 2012 como os orzamentos do paro, desgrazadamente o tempo deunos a razón con máis de 1.500 persoas que engrosaron as listas do paro no que levamos de ano. Agora anunciamos que serán os orzamentos da ineficacia porque con maior investimento o resultado, en canto a desemprego, será aínda peor.

Agora afirmamos que estes orzamentos, a pesares de incrementar as cantidades económicas, non serán quen de loitar contra o desemprego pois carecen de ferramentas que permitan reactivar a economía e adoecen de propostas encamiñadas a promover o cambio do modelo produtivo. Xa que logo serán uns orzamentos ineficaces.

E isto é extremadamente grave porque dende a chegada ao poder do PP o paro incrementouse un 14% en sector primario, 22% en servizos, 6% en industria e 4% en construción. Uns datos que evidencian a enorme crise que está a pasar o comercio e o tecido produtivo coruñés, cuns índices de desemprego moi superiores as do sector da construción. Diante desta situación a aposta do goberno municipal volve a centrarse no sector da construción como se desprende dos montantes económicos de que dispoñen as distintas partidas orzamentarias

Esquerda Unida lamenta que o goberno municipal centre de novo o investimento no o caduco modelo do ladrillo e o formigón. Mentres que para emprego e turismo destínanse menos de oito millóns de euros, urbanismo quintuplica esta cifra até chegar aos 37 millóns. Para os coruñeses e coruñesas o desemprego é o maior problema, semella que para todos menos para o goberno local pois da case a mesma importancia á construción do túnel do Parrote que a dar unha saída aos preto de 30.000 desempregados da nosa cidade, así se desprende destes orzamentos onde destínanse 1,37 millóns de euros a políticas activas de emprego, por un millón para a construción do innecesario túnel.

Semella inaudito que case a metade do orzamento para reactivar a economía e xerar emprego sexa para turismo, concretamente serán 3,5 millóns os que o Concello transfira ao consorcio de Turismo, cando de todos é coñecido que o retorno económico non compensa ese investimento, sobre todo a curto e medio prazo, mentres que os coruñeses e coruñesas necesitamos solucións inmediatas que pasan pola recuperación do tecido produtivo.

O PP centra a súa actividade de goberno en urbanismo e en festexos a pesar de que preto de 30.000 persoas atópanse en desemprego na Coruña. Con esta actitude o goberno municipal amosa a súa incapacidade para reactivar a economía local e cambiar o modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo, para xerar emprego.

Segundo o goberno municipal os orzamentos xerarán emprego e serán os máis sociais da historia. Oxalá se cumprisen as súas especulacións. Eu mesmo como voceiro de Esquerda Unida felicitaríaos publicamente dende a oposición se fosen quen de cumprir tan só cunha cuarta parte do que prometen.

Mais a realidade semella ben distinta. Todo indica que os orzamentos se utilizan como publicidade por aqueles que de modo inconsciente xogan co futuro e as ilusións das persoas.

Os orzamentos reflicten en cifras a vontade política dun goberno. Así o PP inviste máis en festexos que en políticas de emprego ou utiliza máis cartos para campañas publicitarias e propaganda que para reactivar a económica. Un exemplo: mentres malgastan en catro días 150.000 € en pinchos en Londres, orzamentan tan só 180.000 € para apoiar a emprendedores durante todo o 2013, apesares de que autónomos, PEME e cooperativas son a base do noso tecido produtivo e os auténticos xeradores de emprego.

Pero o máis grave é que os orzamentos non son críbeis porque o goberno municipal en 10 meses rectificounos tres veces debido a que os realizou baixo premisas irreais, como informou no seu momento a Intervención Xeral. Asemade este goberno é tremendamente ineficaz como amosa o baixo índice de execución, faltan dous meses para finalizar o ano e tan so executou 17 € de cada 100 orzamentados.

Orzamentos irreais, incapacidade para executalos, falta de plans e ideas… Coido que o 2013 será outro ano perdido, as empresas e o pequeno comercio seguiran a pechar e o desemprego crecerá na Coruña.

 

Relacionados