Potenciando a segregación

 

A Consellaría de Educación publicou onte no DOG a Orde pola que se aproban os concertos educativos con centros privados de ensino de Galicia, unha norma coa que o Goberno Galego subvenciona de novo aos centros segregadores da Preladuria do Opus Dei, Las Acacias, Montecastelo e Peñarredonda de Vigo, e Montespiño e Peñarredonda da Coruña.

O goberno do Partido Popular incumpre así, a sentenza 00213/2013 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que invalida os concertos educativos con centros segregadores e aplica de xeito anticipado á LOMCE, unha norma co que o PP pretende lexitimar  a súa liña ideolóxica potenciando o ensino segregador que separa os nenos das nenas e os mestres das mestras nun puritanismo enfermizo que ademáis contradí a LOE e a propia Constitución, que establece no seu artigo 14 que “non poderá prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”.

“A Xunta está a subvencionar  con diñeiro de todas e todos un ensino propio dos tempos do franquismo e xa superado, sen base científica nen pedagóxica, adicando 3 millóns de euros a este tipo de centros mentres realiza recortes salvaxes no ensino público e obriga as familias das clases populares a pagar polo servizo do comedor escolar” denunciou o deputado responsable da área de educación, Ramón Vázquez.

Con esta decisión, de forma despótica e soberbia, o Partido Popular ignora o sentir maioritario da sociedade e de toda comunidade educativa en prol dun  ensino coeducativo e solidario, que defende os valores da convivencia e que  loita contra a lacra da violencia sexista potenciando a igualdade de xenero e a non discriminación.

Ante isto, AGE esixe a inmediata modificación da orde anulando os concertos cos centros segregadores e a comparecencia do conselleiro de educación para explicar o fragante e inexplicable incumprimento da legalidade vixente, do contrario non descarta acudir os tribunais de Xustiza  para exisir a aplicación da sentenza do TSXG. Así mesmo, os deputados de Alternativa Galega de Esquerda considera inaceptable que se contemplen 237 millóns de euros anuais para o ensino privado concertado, mentres se  continúa a afogar o ensino publico galego, se pechan escolas e aulas no rural e  suprimen preto de 1.200 profesores no noso pais.

Relacionados