Esquerda Unida quere manifestar con rotundidade que esta postura do noso Grupo débese a un fondo sentido da responsabilidade para coa nosa veciñanza, farta de vaivéns estériles no que fai á Praza de España. Colaboración responsable que facemos e seguimos a ofrecer dende a autoridade que nos da non ter responsabilidade algunha nas desfeitas cometidas polos diversos Gobernos na devandita Praza ( primeiro BNG-PSOE e logo PP-IF ).
Responsabilidade e sentido crítico para defender os intereses xerais da nosa cidadanía que nos levou dunha banda a convertermos en garantes de que ningún edificio se erguese no espazo público da Praza ou a non compartir a privatización da superficie; doutra parte nos levou a conquerir, grazas as nosas propostas, unha mellora substancial das condicións do prego para a explotación do centro deportivo no subsolo, superando unha proposta gubernamental que apenas escapaba á definición de regalo para a concesionaria.
Xa que logo, non acertamos a entender o continuo exercicio de abandono e traspaso de responsabilidades que fai o Goberno Municipal, embarcado nunha derrota derrotada e impotente, e sempre disposto a botar culpas fóra de responsabilidades que le son propias e exclusivas.
Temos que lembrar as razóns que aduciu Esquerda Unida no Pleno para non votar a proposta do Goberno no que atinxe as condicións do centro deportivo. Simplemente a proposta do Goberno tiña os informes técnicos na súa contra, tanto a da Oficiala Maior canto o de Interventor Xeral. Informe da Oficiala Maior que foi secuestrado por Alcaldía para vergoña dun alcalde que cometeu a indignidade de ocultarllo ao Pleno. E para nós o límite para botar un cabo nos enredos do Goberno está no respecto á legalidade. Lamentamos que algo que forma parte do abc democrático non sexa entendido polo concelleiro de facenda, sempre disposto a defender o indefendible.
Queremos lembrar o escrito da Oficiala Maior do concello que afirmaba o incumprimento do prego no que atinxe as tipoloxías e contías dos prezos dos servizos ofertados. Escribe a Oficiala que existe:
unha contradición ao non figurar esa referencia no aprtado F do modelo de oferta económica, contradición que segundo o que sinala o artigo 84 do Regulamento Xeral da Lei de Contratos, “ si algunha proposición non gardase concordancia coa documentación examinada e admitida… será deshechada pola Mesa. “
Ou o parágrafo que segue: A xuízo da informante non existe xustificación para que os licitadores presenten un cadro tarifario que non se axusta ao contemplado na Ordenanza Fiscal…
Xunto co devandito informe, queremos lembrar tamén o informe contrario da Intervención Xeral do concello, que deixa en evidencia ao Goberno Municipal ao salientar nas súas conclusións que hai unha disparidade non salvada entre a oferta da empresa contida no sobre C e o sistema tarifario aprobado na Ordenanza Municipal número 26; que hai unha serie de actividades definidas e tarifadas que non son idénticas ás definidas na devandita Ordenanza; asemade de recoller a Ordenanza actividades que non se reflicten na oferta da empresa.
Xa que logo, Esquerda Unida reclámalle ao Goberno Municipal que cumpra de maneira estrita coa legalidade como primeiro requisito para contar coa colaboración – dada xa noutras ocasións – de Esquerda Unida para resolver o furado da Praza de España.