Praza Sartaña

O Grupo Municipal de EU Ferrol advírtelle ao Goberno Municipal que terá en contra á cidade se pretende dar marcha atrás ao mantemento da praza de Sartaña como espazo público, que non hai atallo algún contra a vontade popular que deixou pechado este caso hai moito tempo.

 

A cidadanía ferrolá pechou o camiño á privatización, aberto no anterior mandato da dereita, no mandato pasado e semella irresponsable polos custos e  fondamente antidemocrático tentar reabrilo pola porta de atrás.

 

Yolanda Díaz pregúntase as razóns do PP para aceptar un recurso extemporáneo da empresa vencidos os prazos tasados que tiña para elo. No caso da Fábrica de Lápis córrese para derrubar un anaco da nosa historia e patrimonio industrial, e no caso de Sartaña acéptanse recursos fóra de prazo; semellan dous tratamentos ben distintos e contraditorios, vencellados por un único nexo: favorecer os intereses privados das empresas afectadas.

 

Esquerda Unida advirte dos riscos asociados a ter aceptado o recurso, que son de orde económico, cunha diferenza que excede con moito dos catro millóns de euros e xudiciais, dilatando a resolución pública e favorable a cidadanía deste tema.

 

Esquerda Unida que xa denunciou os contidos do recurso de Serviocio reclama un pronunciamento claro do PP diante da situación creada: que quere o PP para a praza de Sartaña. Que pensa facer co recurso presentado pola empresa. E que accións vai desenvolver para garantir que a praza de Sartaña sexa pública e se poidan acometer nela as medidas de humanización polas que avoga a nosa organización.

Relacionados