Pregunta Eusebio da Garda

Esquerda Unida denuncia a precariedade na que se atopan as instalacións do CEIP Eusebio da Garda Nesta visita puidemos constatar o mal estado no que se atopan as instalacións en xeral, así como a urxencia de realizar obras de mantemento. O patio do colexio non está correctamente pavimentado, polo que é necesario asfaltar de novo para evitar que os nenos sufran feridas ao caer, como está a acontecer na actualidade. O comedor escolar precisa dunha remodelación xa que non conta co espazo suficiente, existe unha grande lista de espera e os alumnos atópanse nunha situación de aglomeración que provoca un aluvión de queixas das familias.

En canto ao parque infantil situado na praza de Pontevedra, xusto en fronte ao CEIP Eusebio da Garda, tamén é urxente a súa ampliación. Asemade a ANPA rexistrou solicitude ao Concello para incrementar a presenza policial na zona debido ás pandillas que se reúnen polo entorno, mais o goberno municipal non se dignou a contestar.

Polo exposto, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha batería de preguntas escritas a fin de coñecer se o goberno municipal ten pensado realizar obras de mantemento no CEIP Eusebio da Guarda. O tenor literal das preguntas é o seguinte:

– Ten pensado o goberno local efectuar obras de mantemento no CEIP Eusebio da Garda?

– Ten coñecemento o goberno municipal do deterioro das infraestruturas e das barreiras arquitectónicas existentes no CEIP Eusebio da Garda? En caso afirmativo, instou ou vai instar á Xunta a reformar o comedor escolar e o patio de colexio tal e como demandan nais e pais?

– Ten pensado o goberno municipal atender ao escrito presentado por pais e nais dos alumnos do CEIP Eusebio da Guarda e proceder a ampliar o parque infantil situado na Praza de Pontevedra, en fronte do CEIP Eusebio da Garda?

Por último, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno local non pode mirar cara outro lado nin moito menos obrigar aos centros a comprar o material para as reparacións que se precisan”. Esta situación, como a doutros moitos centros, ven provocada polos recortes en ensino que está a desenvolver o PP.  Non é o primeiro colexio coruñés que presenta problemas de aglomeracións nos comedores e inseguridade nos patios. Actualmente diversas ANPAS da cidade están asumindo gastos en mantemento dos centros públicos, por carecer de achegas económicas municipais e das infraestruturas mínimas necesarias por parte da Xunta de Galicia.

En EU consideramos que os centros públicos de ensino deben contar con instalacións adecuadas que poidan garantir unha educación de calidade e unha seguridade ao alumnado.

Relacionados