As 11 da mañá de hoxe desenvolveuse unha rolda de prensa conxunta coa Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa. Por parte de Esquerda Unida participou o coordinador comarcal e candidato á alcaldía, César Santiso e o responsábel de organización nacional e número dous da candidatura, Jorge Gil Morabes. Mentres por parte da asociación participaron a presidenta, Ana Oreiro, o vicepresidente, Antonio Fornegas e Carlos Fontela.
A rolda de prensa serviu para explicar a pregunta rexistrada polo grupo parlamentar de Izquierda Unida a través do seu voceiro, Gaspar Llamazares. A devandita pregunta foi desenvolvida polo consello comarcal de EU Coruña coa colaboración da Plataforma.
Esta actuación responde ao silencio administrativo que os poderes públicos están a manter en relación aos riscos para a saúde xerados polo asentamento chabolista de Penamoa, situación que está a crear unha fonda preocupación tanto na veciñanza do Ventorrillo como en Esquerda Unida e a que Concello, Delegación do Goberno, Ministerio da Presidencia e Xunta, están a dar as costas.
Xa que logo, as preguntas, que se transcriben literalmente, buscan que o Goberno central tome nota da situación e se implique na procura da solución dos problemas:
“1) ¿Tenía el Gobierno conocimiento de la grave situación sanitaria en el asentamiento chabolista de Penamoa, que pone en riesgo la salud de los residentes y del vecindario de su entorno?
2) En el marco de las competencias directas o subsidiarias, ¿Tiene previsto el Gobierno tomar alguna medida ante los problemas planteados? En caso afirmativo ¿en que consiste esta medida y cual es el plazo previsible de actuación?”
Logo da presentación por parte de Jorge Gil Morabes, tomou a palabra César Santiso quen explicou a moción e fixo fincapé no incumprimento do concello da normativa vixente na parte executada do desmantelamento do poboado. Así, o Goberno municipal derrubou as infravivendas, que contaban con cuberta de uralita composta de amianto, material altamente tóxico e canceríxeno, sen acatar o Real Decreto 396/2006 que regula el proceso de desamiantado e obriga a que o execute una compañía inscrita no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA).
Santiso salientou o potencial risco que supón para toda a cidadanía coruñesa o feito de que se atopen, nun poboado en lamentábeis condicións hixiénicas, depósitos que subministran auga a cidade sen ningún tipo de vixilancia.
Posteriormente, a presidenta denunciou que a venta de estupefacientes continua coma sempre e que os toxicómanos están a consumir nas inmediacións, abandonado no chan as xiringas usadas. Asemade denunciou as constantes queimas que se están a producir e as consecuentes emanacións de gases tóxicos. Motivo polo cal anunciou que a plataforma solicitou a todas as forzas políticas da cidade que amosen o seu compromiso coa veciñanza.
Por último o vicepresidente Antonio Fornegas denunciou que o Ventorrillo non dispón dun dispositivo policial. Mentres o concello achega 20 policías, pagados con horas extra, ao centro comercial Marindea City. O que pon de manifesto que o concello antepón os intereses do capital diante da súa propia veciñanza.
Finalmente, o coordinador comarcal de eu Coruña e candidato á alcaldía anunciou que Esquerda Unida organizará unha asemblea de barrio para tratar os problemas da veciñanza en resposta ao requirimento da plataforma veciñal para coas organizacións políticas. O dito acto público desenvolverase o vindeiro martes 26 de abril as 18:00 h. no CEIP María Barbeito, sito na rúa Alcalde Salorio Suárez, 28.