Pregunta plenaria tráfico contedores

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará no vindeiro Pleno ao Goberno municipal en que Estado se atopan as accións encamiñadas a mellorar a exigua cota do 0,09% de tráfico de contedores, logo da resposta da concelleira responsábel do área, María Luísa Cid dada a finais do pasado ano, diante dunha pregunta de EU-V na que se instaba ao concello a liderar unha iniciativa para dotar ao porto exterior das infraestruturas necesarias para que poida recibir unha grande parte do tráfico actual de contedores. A concelleira recoñecía que o Goberno local era “plenamente consciente da importancia de impulsar a terminal de colectores. Para iso ademais estanse mantendo numerosos contactos con empresas e operadores para conseguir novas rutas” motivo polo cal “estase a desenvolver unha ampla campaña comercial”.

 

Esquerda unida aposta porque A Coruña se converta nun punto neurálxico mundial no transporte de contedores. Porque nestes momentos o groso deste tráfico, no que respecta a Europa, faise a través dos portos de Rotterdam, Amberes, Amsterdam e Hamburgo. Pese a que os portos ibéricos están máis próximos as rutas comerciais procedentes de Estados Unidos e Asia, as eivas nas infraestruturas de transporte de contedores por ferrocarril e a ausencia de conexións de transporte de mercancías a alta velocidade co centro de Europa fai que as consignatarias prefiran que os barcos portacontedores fagan rutas máis longas, viaxando varios días máis ata o norte de Europa, antes que utilizar portos españois. Lamentablemente nada disto poderase facer, xa que acaba de anunciar o Director da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, que a comunicación por tren non estaría ata o 2016, sempre que se dote correctamente a correspondente partida orzamentaria. Sen a comunicación por trens é imposíbel trasladar, tanto a descarga de carbón e cereais como doutras materias primas e mercadorías ao novo Porto Exterior, o mesmo que sucede coa Refinería.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “estamos diante dunha oportunidade única para reactivar a economía local e xerar emprego, esperemos que o Goberno municipal este á altura das circunstancias”. Galiza en xeral e A Coruña en particular e a zona continental europea máis próxima a América, polo que coas infraestruturas axeitadas, tanto a nivel portuario como de comunicación terrestre, por estrada e ferrocarril, poderíamos captar gran parte do tráfico de mercadorías de contedores, sector que se atopa en pleno auxe, como amosa o dato de duplicar o volume nos últimos anos, chegando incluso a transportarse en contedores graneis líquidos.

 

César Santiso estimou en miles os postos de traballos tanto directos como indirectos que se poden crear, por iso indicou que “é moito o que nos xogamos, os coruñeses e coruñesas en desemprego non poden esperar un lustro por mor dunha xestión ineficiente e chapuceira”.

Relacionados