O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes debaterá no pleno mediante unha pregunta oral cales foron os motivos polos que na licitación se estima un gasto preto de catro veces inferior ao actual. No Diario Oficial de Galicia do 13 de decembro de 2012 aparece un gasto anual estimado de 1,5 millóns. Concretamente pregúntase:
Cales foron os motivos polos que na licitación do Servizo de Axuda a Domicilio aparecida no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 13 de decembro de 2012 aparece un gasto estimado de 1,5 millóns de euros anuais, cando o custe real do servizo é moi superior?
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “moitas empresas que poderían competir non o fixeron ao constatar que con 1,5 millóns de euros anuais non se cobren nin os salarios do persoal subrogado”. Actualmente traballan 224 persoas que terían que ser subrogadas, cunha simple operación aritmética observamos que de media mensual correspondería a cada persoa 478 € segundo o gasto estimado de 1,5 millóns de euros que reza no DOG nº 237, cantidade que non chegaría nin para cubrir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que na actualidade está fixado en o 641,40 euros/mes, e iso sen facer fronte as cotizacións a seguridade social, que segundo se desprende dos datos do tc 2 da anterior empresa suporía 120.835,61 € mensuais.
Esquerda Unida considera que a estimación á baixa do custe do servizo de axuda a domicilio encarece os custes do concello ao reducir a concorrencia entre empresas. Un eiva por parte do goberno municipal que podes supoñer unha redución da calidade do servizo e un importante sobre custo para as arcas municipais para atender tanto o SAD básico, como o de Dependentes, o de urxencia e o sociofamiliar. Xa que logo, os coruñeses e coruñesas estaríamos a perder parte do noso patrimonio e calidade de vida por culpa dunha ineficacia do goberno local.