Sinopse: incumprimento sistemático por parte dos poderes públicos da súa función de control da especulación e incumprimento na provisión das condicións e normas para a realización plena deste dereito constitucional.
Argumento: Os gurús da economía do libre mercado, perfectamente aliñados coas oligarquías dominantes, non queren admitir que esa liberdade, cando non vai da man da xustiza social, está destinada a beneficiar a uns poucos en detrimento da masa social. Eses poucos convértense en “acaparadores” dun ben que debe ter un valor de uso e non un valor de cambio. Orixinouse así unha ofrenda ao Deus Mercado en forma de promocións urbanísticas de todo tipo e pelaxe baixo a acción dos axentes privados vencellados á actividade urbanistica como ben ilustra Miguel Martínez, profesor da Universidade de La Rioja.
Así, elaborouse –e queren seguir igual- unha ficción narrativa (a burbulla inmobiliaria) cunha necesidade que é ben real. Sería difícil conceder o premio ao personaxe que máis e mellor contribuiu na consolidación desta ficción. Pero podemos nomear a propietarios de solo, promotores inmobiliarios, empresas construtoras, axentes de mediación na compra-venda de bens inmobles, técnicos individuais ou estudos que realizan os proxectos urbanísticos, compradores finais e investidores temporais, bancos e entidades financeiras, empresas aseguradoras, empresas de taxación, etc, que, grazas a unha excelente cobertura manipuladora e inoculadora de pensamento único (patróns e modelos televisivos, publicidade,…) foron quen de crear/inventar ex nihilo unha clase social baseada na cultura da propiedade, des-ideoloxizada politicamente, atomizada laboral e sindicalmente, hipnotizada –alienación de Marx- pola fábula/ilusión (mentira) da posesión mediante un diñeiro ficticio (crédito, hipoteca). Uns personaxes que se viron amparados por unha lexislación permisiva para coa especulación inmobiliaria e que contaron para a produción final do relato fílmico co manto protector dos poderes públicos (desexosos de ter máis capacidade de financiación e non de frear a especulación).
Consecuencias: Esa película inzou o espazo galego de edificios que nunca respiran (milleiros en calquera cidade grande galega) ou respiran como moito un mes ou dous ao ano (outros milleiros). O espazo galego perdeu a súa materialidade ecolóxica para pasar a definirse en termos de urbanización. A gran mentira estoura agora en forma de milleiros de desahucios diarios en todo o Estado e en verse atados a unha débeda hipotecaria que os bancos e entidades financeiras queren cobrar. Mais..que lles pasou aos culpables da creación-destrución da burbulla? En liñas xerais, e no noso país, nada. Seguen xogando coas súas cartas trucadas na economía de casino.
Concordamos con Jean-Paul Dollé (L’inhabitable capital, 2010) cando di que este ben, a vivenda, a casa, representa a forma máis elemental de existir e de situarse no mundo. A crise chegou por moitos e diversos motivos, pero poderíamos citar o desaforado proceso construtivo que contribuia a desfasar a oferta sobre a demanda: máis produtos que demandantes a un prezo de “mercado” que afastaba, en primeira instancia, ás persoas que querían vivir nesas casas. O prezo, ademais, inflábase. Xeneralizando, practicáronse dúas vías de incremento: a) unha persoa (rica, por suposto) adquiría varios produtos para dedicarse a empregalos como bens gananciais sexa alugando (con contrato ou sen el), sexa mantendo a vivenda baleira (como produto mercantil para revender cando “mellore” o mercado, i.e., permita gañar diñeiro sobre o prezo pagado polo produto ou, nalgúns casos, como modo de rendibilizar o diñeiro gañado sen declarar); b) alentando fóra das fronteiras de Galicia a compra de segundas vivendas a persoas de economías mais solventes que a galega. Consecuencia: vivendas baleiras case todo o ano; deterioro paisaxístico, medioambiental e social; “expulsión” das xentes dos lugares afectados cara a outros onde os prezos ainda se mantiñan “razonables” (pero non xustos).
Esta realidade urbanística, que mantén uns prezos de mercado e fóra de calquera xustiza social, provoca, en tempos de naufraxio e crise, con cada vez máis dramas familiares pola carencia de emprego, o aumento de persoas “desposuídas”.
Cantos poderes públicos optaron por crear un parque público de vivendas dignas en réxime de aluguer e a un prezo xusto? Cantos poderes públicos exerceron con man firme e ética a tarefa constitucional de frear a especulación?
Ter abrigo, ter onde resgardarse e vivir de forma digna é un dereito constitucional do que nos privaron e queren seguir privando (a non ser mantendo a ficción que deu lugar á burbulla). Fronte a ese relato baseado na cultura da propiedade, faise máis necesario ca nunca un novo relato social e solidario. Cómpre adecuar oferta a demanda e asentar o aspecto inmobiliario sobre a xustiza social. O control debe ser tamén unha tarefa da cidadanía, que debe participar mediante (auto)planificación e (auto)xestión colectivas. Ese relato non é posible dentro da lóxica do capitalismo, desexoso de seguir acumulando e maximizando beneficios como sexa. Só agardamos que xa non teña tantos influxos sobre boa parte da masa social a fábula/ilusión (mentira) da posesión tan ben implantada polos hipnotizadores do capital.