presen2.jpg - 15.54 Kb

Presentación candidatura

 

 

Esquerda Unida escolleu o 14 de abril para presentar a súa candidatura para as eleccións locais en Lugo e fíxoo ao pé da escultura que na praza da Soedade rende homenaxe á República. A lista, como xa se anunciara, encabézaa Carlos Portomeñe, ao que seguen nos principais postos, por esta orde: Ramón Vázquez, profesor de Primaria e secretario da federación de ensino en CCOO; Isabel Sánchez, profesora de Filosofía e membro do Conselo Nacional de EU; José Luis López, secretario da federación de Industria de CCOO; Begoña Rodríguez, estudante e membro da XCG; Alejandro Rodríguez Robledillo, Traballador social; Teresa Cabo Martínez, empregada de alimentación; Alberto Rodríguez Gesto, Enxeñeiro de montes e Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais; Lucía Varela Corredoira, Presidenta do comité de empresa de SYKES e Pablo Axeitos, deseñador gráfico. Pechando a lista figura a ex concelleira Zita Méndez.

 

Portomeñe comezou a súa intervención sinalando que a República foi «o maior esforzo modernizador e democratizador» realizado ata entón en España. Acusou aos socialistas de ter traizoado os ideais republicanos, e afeou ao PSOE ter impedido xunto ao PP aprobar en Andalucía unha lei de memoria histórica.

 

Centrado no municipio de Lugo, manifestou que no Concello se vive unha situación de desprestixio político, de modo que a institución está cada día máis afastada dos cidadáns. En alusión a un asunto que está de candente actualidade manifestou: «O alcalde está máis queimado que o club Eros».

 

Portomeñe dixo que o PP representa «á dereita rancia» e que «votar Bloque é votar a Orozco». Indicou tamén que foi o traballo de EU o que provocou que o PXOM estea na actualidade baixo a lupa dos xuíces.

 

“Levamos catro anos traballando arreo para construir una alternativa social e política na cidade de Lugo. Demostramos dedicación por Lugo, demostramos co noso traballo e o noso esforzo que queremos superar as malas prácticas que levan ao desprestixio da política” señalou Portomeñe.

 

Esquerda Unida centra as súas propostas para Lugo en cinco eixos básicos: A CREACIÓN DE EMPREGO, A DEFENSA DO SECTOR PÚBLICO, A PARTICIPACIÓN CIDADÁ, A SOSTENIBILIDADE AMBIENTAL E A LOITA CONTRA A CORRUPCIÓN.

Relacionados