Presentación candidatura

Esquerda Unida vén de presentar hoxe  na nosa cidade a candidatura para as vindeiras eleccións xerais de novembro. Diante da porta principal de Bazán, espazo social e produtivo de fondas raiceiras para o proxecto transformador que expresa Esquerda Unida, a primeira candidata ao Congreso pola provincia – Mariluz Canal –  estivo acompañada das mulleres e homes de Ferrolterra que integran a candidatura. Presentounos o coordinador local de Ferrol, Suso Basterrechea, que glosou con brevidade as súas características definitorias, asemade de convocar a cidadanía a erguer unha alternativa política e social quen de defender no Congreso as arelas dun cambio de esquerdas.

 

Xozé María Dobarro, Sari Alabau, Paula Meizoso ou Manuel Bustabad conforman unha candidatura para construír unha alternativa, baseada na claridade programática e a vontade política  de soster un programa para a rexeneración política e para a creación de emprego e a defensa dos servizos públicos universais e gratuítos. Unha candidatura avalada pola realidade de traballo e loita destes últimos catro anos, onde EU foi a voz da esquerda alternativa e transformadora nas institucións, e acompañou todas e cada unha das mobilizacións sostidas polo sindicalismo de clase e os movementos sociais críticos alá onde se produciron.

 

Unha candidatura para forxar a rebelión cidadá respecto o conformismo do que hai – dous grandes partidos para realizar unha mesma política –  a partires dos seus explícitos vencellos coa loita social que en diferentes campos, dende a defensa dos servizos públicos ate o emprego estable e con dereitos e o sistema público de pensións se ven practicando en todos os ámbitos críticos da sociedade. Contra os desafiuzamentos, polo futuro da xuventude, na defensa dunha verdadeira democracia, as persoas que integran a candidatura de EU veñen participando desas loitas e demandas, tan sentidas como xustas, tan rexeitadas polos que gobernan como indispensables para acadar unha saída social e democrática á crise.

 

Mariluz Canal, unha muller de longa traxectoria na loita social e que concorre  ás eleccións como independente nas listas de EU-Os Verdes  afirmou o valor da reflexión crítica e do activismo social diante da cita coas urnas o 20 de novembro. “Non se pode perder ningunha voz crítica ese día, todas e todos temos que sumar para forxar unha rebelión democrática que constrúa unha voz alternativa e poderosa no Parlamento”, salientou a primeira candidata de EU ao Congreso.

 

Doutra banda, Xosé María Dobarro sostivo que o esgotamento do modelo da transición, a erosión acentuada da súa lexitimidade, esixe unha recomposición do Estado en termos republicanos e de respecto o dereito dos pobos ao seu autogoberno nacional: “Esquerda Unida é esa forza para construír un réximen federal respectuoso cos dereitos e liberdades nacionais”.

 

O compromiso para favorecer a creación de emprego estable e con dereitos e en particular a garantía de carga de traballo e millora do aparello produtivo da factoría, caso do dique flotante, xunto coa determinación de que o Estado teña de novo unha presenza forte na vida económica  da cidade; a consecución da conexión ferroviaria  co Eixe Atlántico coa Velocidade Alta e a defensa dunha conexión  ao Porto Exterior que non agreda á ría… O saneamento da ría e a loita contra unha planta de gas ilegal e perigosa; a loita por rehabilitar Recimil coa colaboración do Ministerio de Vivenda; a apertura da cidade ao mar, alén das declaración de pura propaganda ( 20.000 euros ) da Xunta de Galicia coa complicidade da alcaldía)…

 

Co alento das enquisas anunciando unha acrecida presenza de Esquerda Unida no Parlamento, todas as intervencións confirmaron a súa confianza  no crecemento electoral e social  de EU e a súa confianza en obter o mellor resultado, para con el procurar a mellor defensa dos intereses da maioría social traballadora.

Relacionados