Esquerda Unida, xunto con outros colectivos, participa na organización e desenvolvemento da V Festa da Diversidade Cultural, un evento lúdico que se está a converter nunha marabillosa ferramenta para a integración do colectivo inmigrante na cidade coruñesa e que cada vez faise máis necesaria para dar a coñecer á cidadanía outras culturas presentes na comarca coruñesa.
O Evento contará con stands das asociacións e organizacións participantes na que se poderá coñecer, comprender e apreciar outras culturas presentes na nosa cidade a través da exposición dos seus materiais de difusión, da súa artesanía e mesmo da súa gastronomía. Asemade o sábado poderemos gozar dun festival de musica e danza onde apreciremos o folclore característico de Colombia, Arxentina, Rusia, Uruguai, Senegal, Nicaragua, Venezuela, Bolivia, o Perú. Mentres que o domingo gozaremos de actuacións de teatro a cargo de Bambú Teatro, Grupo de Teatro do Oprimido – A Coruña e A Quenlla.
Esquerda Unida contará co seu propio stand no que, ademais doutra información de interese, poderanse atopar as razóns para desenvolver unha Folga Xeral diante do recorte de dereitos sociais a contrareforma laboral, o potencial recorte nas pensións e o incremento da idade de xubilación, ou o proceso Refundando a Esquerda, no que se pretende a confluencia da esquerda social e a esquerda política entorno a un proxecto anticapitalista que permita por en común os traballos e esforzos individuais desenvolvidos polos movementos ecoloxistas, feministas, sindicalistas, libertarios, etc.
O Consello Comarcal de EU invita a cidadanía da bisbarra coruñesa a participares este fin de semana na Festa da Diversidade Cultural, para que coñezan e comprendan outras culturas, algo moi necesario pois o deterioro do trato aos inmigrantes é unha realidade no conxunto do Estado español e no marco Europeo. A reforma da Lei de Estranxeiría por parte do Goberno central, a utilización demagóxica e populista que están a desenvolver algúns partidos políticos co colectivo inmigrante en plena crise ou as actuacións en algúns países europeos como Italia ou Francia, están a favorecer tendencias racistas e xenófobas que de ningunha maneira poden prender nunha cidade avanzada e culta como A Coruña. Por iso os organizadores pretendemos que o acto lúdico adquira outra dimensión e sexa quen de transmitir unha mensaxe de tolerancia, solidariedade e respecto a diversidade.
Xa que logo, esa diversidade apreciase tamén na distinta natureza dos organizadores da festa, diversas asociacións culturais, de inmigrantes, de veciños, ONG’s e partidos políticos atopamos un espazo común para desenvolver un evento digno da nosa veciñanza.
Organizadores do evento:
Asociación Veciñal da Agra do Orzán AGRA, Asociación de Peruanos en Coruña ASPECO (Perú), Asociación de Vecinos Ventorrillo, Asociación de Inmigrantes 25 de agosto en la Coruña (Uruguai), Asociación de Inmigrantes ASESER (Senegal), Área Comercial as Conchiñas, Agra Humanista, ESPABOL (Bolivia), Esquerda Unida, Forum Propolis, Agrupación Cultural Latina, Mundo Cooperante, Mundo Sin Guerras, Organización de Solidaridad de los Pueblos de África, Asia y América Latina OSPAAAL, Partido Comunista de Galicia, Partido Humanista Internacional, Grupo Cultural Simón Bolívar (Venezuela), Xuventudes Comunistas.