eu inclusin copiar.gif - 22.57 Kb

Presentación eixos programáticos sobre Inclusión Social e Sanidade

 

En tempos de crise non é de recibo que os recortes se apliquen sobre a protección social, Esquerda Unida entende que os dereitos sociais deben ser sempre unha prioridade e deben afortalarse. O Concello, en tanto que administración pública, debe tutelar dita prioridade en cooperación coas entidades que se dedican á atención sociosanitaria.

 

Entroutras medidas, Esquerda Unida propón a creación dun Consello Municipal de Políticas de Igualdade de Oportunidades e dunha Concellalía de Inclusión Social. Igualmente, amais dos propios órganos participativos, defínese a creación dunha Oficina de Dereitos Sociais constituída por unha especie de Valedor do Pobo Local e por persoal especializado.

 

Esquerda Unida Compostela, dentro dese Concello Inclusivo, establece 6 grandes plans para acadar unha política de igualdade de oportunidades real: a) o plan local para a inclusión social das persoas con discapacidade; b) o da igualdade efectiva entre mulleres e homes; c) o dedicado á mocidade; d) o do respecto da diversidade afectivo-sexual; e) o dedicado ás persoas migrantes; f) e o destinado ás persoas de etnia xitana.

 

Estas políticas queren asentar unha cidadanía inclusiva, onde se acaden os dereitos humanos desde o principio democrático de xustiza social.

 

Xabier Ron insistiu na relevancia do plan local para a inclusión social das persoas con discapacidade, dado a coñecer a diferentes colectivos como COGAMI, DOWN COMPOSTELA, que tiveron ocasión de participar tamén na súa definición, ou a PLATAFORMA SOCIOSANITARIA.

 

A rolda de prensa complementouse coa presentación do eixo programático sobre sanidade. A este respecto, Esquerda Unida Compostela explicitou algunhas das medidas destinadas a mellorar a Atención Primaria, os Servizos de Atención Comunitaria, asi como a Atención Temperá. Esquerda Unida Compostela loitará para que a sanidade pública non siga exposta ás políticas de degradación realizadas desde a Xunta de Galicia e reclamará que se manteña o Plan de Mellora de Atención Primaria, asi como o mantemento dos compromisos económicos para desenvolver o Plan Director de Infraestruturas Sanitarias 2008-2013.

 

Relacionados