Presentación interpelación lousa

 

“No Val de Valdeorras, en Ourense, miles de postos de traballo estiveron vinculados á extracción e transformación do mineral de lousa. Estes traballadores e traballadoras sufriron e sofren exposición ao po de sílice, cristal que inhalan sen as medidas de protección apropiadas e que se acumula nos pulmóns, chegando a provocar insuficiencia respiratoria. Así mesmo, dáse a circunstancia de que a enfermidade só se detecta a partir duns oito anos de exposición. Varias louseiras pecharon recentemente. Á perda do emprego, hai que engadir que non se determinou o grao de afección de silicose no momento de quebra da empresa, o que imposibilita que en caso de padecer a enfermidade no futuro o traballador poida alegar que se debe á súa actividade no sector da lousa. Do mesmo xeito, este non dispón de coeficiente reductor de face á xubilación.

 

Segundo diversas informacións, fai uns meses a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria encargaron un estudo ao Instituto de Silicose de Oviedo o cal, ao parecer, conclúe que o 8% dos traballadores do sector padece silicose, o que suporía un aumento na afección da enfermidade, ante a carencia de medidas preventivas. No entanto, este estudo non foi publicado, a pesar da petición de diversos sindicatos.

 

Dado que o dereito á saúde obriga aos Estados a xerar as condicións nas que todos poidan vivir saudablemente, segundo estipula o artigo 12 do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas, cónstalle á Comisión se as autoridades españolas adoptaron as medidas pertinentes de protección de traballadores expostos ao po de sílice? En caso afirmativo, pode informar en que consisten?

 

Dado que a directiva marco 89/391/CEE, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e da saúde dos traballadores no lugar de traballo, establece a obrigación de informar aos traballadores, consultarlles e permitir a súa participación no marco de todas as cuestións que afecten á súa seguridade e á súa saúde, non considera a Comisión que a Xunta de Galicia debería facer público este informe?”

Relacionados