Esta mañá presentamos en rolda de prensa o acto sobre a proxección do documental e charla sobre a vida de Marcelino Camacho, “Lo posible y lo necesario”, que terá lugar este xoves 20 ás 19 horas. Será na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela (rúa do profesor Vicente Fráiz Andón, Campus Vida) e contará coa participación de Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO; Eva Solla, coordinadora nacional de EU e secretaria xeral do PCG; Marcel Camacho, fillo de Marcelino e produtor e Adolfo Dufour, director do documental.
Na rolda de prensa de presentación do acto, Omar Ceveira, secretario de Comunicación de CCOO, salientou a traxectoria de Marcelino Camacho na loita polas liberdades e en defensa da clase obreira. “Ese compromiso levouno a padecer moitos anos de cárcere en diferentes etapas”, dixo. Pola súa banda, Eva Solla, secretaria xeral do PCG e coordinadora nacional de Esquerda Unida, sinalou “a gran sorte que tiveron tanto o Partido Comunista como as Comisións Obreiras de contar no seu seo con persoas como Marcelino Camacho e tamén como Josefina Samper”, sinalou.
Solla salientou “a necesidade, neste momento histórico e político, de lembrar a traxectoria de persoas fundamentais na loita pola democracia e de preservar a memoria”. Neste punto, criticou a recente actuación do Concello de Madrid, que borrou as palabras do poeta Miguel Hernández nunha obra que rende homenaxe ás vítimas do franquismo.
Pola súa parte, Marcel Camacho, fillo de Marcelino e Josefina, apuntou que o obxectivo de “Lo posible y lo necesario” non era tanto facer unha biografía do histórico dirixente sindical e comunista, senón “recuperar a memoria das persoas que loitan pola liberdade, especialmente desde os anos sesenta, que entronca coa loita do movemento obreiro”. Por último Adolfo Dufour, director do filme, cualificou a vida de Camacho como “de grande interese cinematográfico, que transcende a vida del e reflicte as vicisitudes das familias obreiras e campesiñas. Toda a loita desas familias para sobrevivir”.