Prevención da corrupción

A vicevoceira, Yolanda Díaz, reuniuse co Fiscal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, a quen lle manifestou o apoio do Grupo á súa proposta de tratar de introducir mecanismos de prevención da corrupción nas administracións.

Carlos Varela pola súa banda salientou a iniciativa de Alternativa Galega de Esquerda que anunciou non só  o seu apoio verbalmente senón que comprometeuse a levar dita proposta á Cámara galega 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2012.- A vicevoceira do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, reuniuse hoxe co Fiscal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, para analizar a actual situación da administración xustiza no noso país. Neste encontro o Fiscal Superior explicou polo miúdo a súa proposta de establecer unha serie de mecanismos para a prevención da corrupción nas administracións públicas, iniciativa que no só foi apoiada por Yolanda Díaz senón que xa anunciou que Alternativa Galega de Esquerda presentará, como primeira iniciativa para o seu tratamento na primeira comisión de Xustiza, unha iniciativa parlamentar orientada a introducir os mecanismos precisos para facer desta proposta unha realidade.

Para a vicevoceira de AGE resulta imprescindible estudar as fórmulas mais axeitadas para tratar de previr os casos de corrupción e acabar con situacións como as actuais nas que estamos a ser testemuñas dun espectáculo denigrante no noso país a causa da corrupción nas administracións.

O Fiscal Superior de Xustiza de Galicia agradeceu o compromiso de Alternativa Galega de Esquerda xa que asegurou “botaba de menos que alguén levase cara adiante unha iniciativa e non só dixeran que lles parecía unha boa proposta”.

Durante o encontro trataron outros temas fundamentais para o funcionamento e mellora da administración de Xustiza como a elaboración do mapa xudicial co que Yolanda Díaz comprometeuse a loitar pola súa elaboración para que “sexamos nos mesmos os que definamos o noso país con voz e perfil propio”.

Outra das cuestións prioritarias sinaladas pola vicevoceira de AGE nesta reunión centrouse na posta en marcha do expediente electrónico para o que Yolanda Díaz lembrou non se contempla ningunha partida orzamentaria pese a tratarse dun instrumento imprescindíbel para garantir a rapidez na administración xudicial.

Así mesmo, a implantación da oficina xudicial foi outro dos temas a tratar, un tema para o que a Xunta de Galicia consignou nos orzamentos de 2013 algo máis de 40.000 euros unha cantidade “ridícula” como sinalou Yolanda Díaz. “Para iso era mellor que non investiran nada porque esa partida é simplemente unha tomadura de pelo” afirmou a vicevoceria do Grupo Parlamentario.

Relacionados