Alternativa Galega de Esquerda esixe ao conselleiro de Educación información sobre o programa ARBAX.
O proxecto ARBAX, en execución desde fai un ano, conta cunha partida de 148.330 euros nos orzamentos do 2013
Santiago de Compostela, 30 xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda a través do deputado Xabier Ron, insta ao conselleiro de Educación a explicar o funcionamento e os resultados que o proxecto ARBAX (Against Racial Bullying and Xenophobia) está a dar nos centros escolares do noso país xa que resulta “paradoxal” que a comunidade educativa descoñeza a existencia do mesmo cando supostamente son os beneficiarios do mesmo.
Os orzamentos do 2013 recollen unha partida de 148.330 euros para este programa cofinanciado con fondos europeos que se puxo en marcha en xaneiro de 2012 e rematará en decembro de 2013. Cando leva xa un ano de funcionamento, semella curioso que o persoal dos departamentos de orientación dos centros de secundaria non coñezan nin tan sequera que a Xunta participe nun proxecto que trata de previr o acoso escolar tal e como se desprendeu dos distintos encontros que os deputados de AGE mantiveron con eles.
O deputado Xabier Ron destaca o feito de que os textos de consulta que se poden descargar na web (www.schoolbullying.es/es/project) non amosan participación algunha da comunidade educativa galega ademáis de que “despreza o uso da lingua galega”. Dende AGE denuncian que nada semella indicar que o diñeiro que se inviste neste proxecto conduza realmetne a unha toma de conciencia activa da comunidade educativa galega”.
“Semella unha mala broma” tal e como destaca o deputado de AGE que un programa educativo en contra do acoso escolar orientado á comunidade educativa galega sexa coordinado por unha consultora, a Consultora Atinservices, e non por unha estrutura educativa.
Para AGE resulta unha verdadeiro insulto que se diga que a beneficiará é a Xunta de Galicia, cando a lingua e a realidade educativa galegas están ausentes polo que se preguntan de qué xeito se materializa este beneficio, “¿será nas cuchipandas a cargo do diñeiro público durante as sesudas reunións de traballo que tiveron lugar no 2012 e terán lugar no 2013?”.
O grupo parlamentar presentou unha interpelación ao goberno galego no que se pide explicacións sobre o cómo se puxo en marcha o proxecto, porque se prescinde da comunidade educativa, cómo contribúe a loitar contra a xenofobia nos centros educativos así como información sobre canto custan as visitas dos co-participantes do proxecto e quen viaxa aos países dos co-participantes.