Ferrol Previsións

A candidatura de Esquerda Unida – Os Verdes vai realizar un primeiro reparto de material electoral no mercado de Caranza, mañán sábado a partires das 11:00 horas. Xosé María Dobarro e Paula Meizoso serán algúns dos homes e mulleres que percorrerán postos e rúas en Caranza repartindo propaganda electoral.

O contacto coas persoas da rúa, a relación trabada entre iguais – sen profesionais da política da obediencia – coa cidadanía vai ser o motor cotián da acción pública electoral de EU – Os Verdes, ao obxecto de explicar, debater e escoitar o latexo airado dos máis da sociedade, que viven e traballan a pesares do horror neoliberal imperante.

 

 

Esquerda Unida aproveita o día de hoxe para  desenvolver  unha reunión de traballo coa afiliación e simpatizantes para pechar a programación de actividades públicas da campaña na cidade. Vai ser no traballo colectivo o soporte que permita  desenvolver o traballo político e social da formación de esquerdas. 

 

 

Xosé María Dobarro, candidato ao Congreso subliñou no transcurso da mesma o valor do quefacer compartido para enfrontar a falsa saída neoliberal á crise económica e social na que nos precipitaron e profundan as políticas neoliberais. O candidato  da coalición electoral EU – Os Verdes  afirmou de xeito contundente que “se pode vencer á crise coa aplicación das políticas de esquerdas” elaboradas no programa desta coalición.  EU confía en expresar as arelas de cambio social e cultural de millóns de persoas traballadoras e profesionais que exercitan  unha razón crítica ao través do seu amplo e pormenorizado programa electoral.

 

No transcurso da reunión de traballo se formularon as que serán as primeiras cinco iniciativas parlamentares  de Esquerda Unida  no Congreso, que tentan significar as liñas forzas de actuación da coalición diante da extraodinaria dureza da crise:

 

         un plan para a creación de emprego  para o trienio 2012-2014 cun segmento de aplicación de ámbito municipal, así como a garantía de protección social a todas as persoas en desemprego.

         O apoio á tramitación da ILP presentada por CC.OO e U.X.T sobre a contrarreforma laboral e para a súa transformación.

         A derrogación inmediata do recorte das pensións públicas e dos recortes das  retribucións das traballadoras e traballadores deste sector, coa recuperación subseguinte do poder adquisitivo  perdido.

         A elaboración dunha lei que garanta a prestación e calidade dos servizos públicos, en particular os que se refiren  á educación, saúde e dependencia, asemade do dereito constitucional á vivenda.

         A presentación dunha iniciativa de reforma da lei electoral, que garanta os principios de igualdade e proporcionalidade, que refrendou o ditame do Consello de Estado, do que fixeron caso omiso PP e PSOE para contrarreformar tamén neste aspecto a lei electoral poñendo novos atrancos aos partidos máis pequenos.

Relacionados