O grupo municipal de EU-V esixe a inmediata dimisión de todos os cargos públicos membros do consello de administración, que permitiron semellante infamia e amosaron a súa clara incapacidade para desenvolver o control público que os seus cargos esixían.
Esta situación ven a demostrar o que dende Esquerda Unida levamos tempo afirmando, de que a estabilidade das caixas de aforros so se pode obter mediante unha maior transparencia e un verdadeiro control público no que tamén deben participar os funcionarios habilitados. Os cargos públicos para desenvolver as políticas sociais e os técnicos para intervir, controlar e fiscalizar o funcionamento das entidades financeiras.
Esquerda Unida considera un escándalo que as prexubilacións de tres directivos supoñan o 13% do valor real de Novacaixagalicia. Pois pese que a entidade ten un valor contábel duns 1500 millóns de euros, o Banco de España estimou o seu valor real en 181 millóns de euros.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os 23 millóns de euros embolsados polos tres executivos constitúe unha inmoralidade que os poderes públicos e a cidadanía non poden tolerar”.