O deputado, Antón Sánchez, trasladou o apoio do grupo parlamentar aos representantes do sector nun encontro que tivo lugar esta mañá no Parlamento.
Santiago de Compostela, 7 marzo de 2013.- O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda esixe ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que cumpra coa súa palabra e inste ao goberno central a incluír na reforma da Lei da Cadea alimenticia que se está a tramitar, un apartado no que se contemple a prohibición de vender por debaixo dos custes de produción dos gandeiros tal e como está a acontecer actualmente.
O deputado Antón Sánchez reuniuse esta mañá co representantes do Sindicato Labrego, Unións Agrarias e Xoves Agricultores que lle trasladaron a petición de que AGE leve a cabo os trámites precisos para que o Parlamento galego acorde a solicitude desta inclusión na nova lei, algo que o deputado xa comentou que o seu grupo xa ten feito coa presentación dunha serie de iniciativas parlamentarias na liña de obrigar a manter uns prezos de venta que como mínimo cubran os custes medios de produción. Antón Sánchez salientou o papel deste sector que “está a aguantar do rural no noso país” polo que non se pode permitir que miles de explotacións, onde se teñen invertido moitos cartos e moito esforzo por parte dos nosos gandeiros, teñan que pechar por manter os privilexios das grandes industrias.
A inclusión desta enmenda foi unha promesa que o propio presidente da Xunta de Galicia e a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, lles fixeron aos representantes do sector o pasado mes de decembro pero o certo é que o primeiro texto presentado polo goberno central non inclúe esta cuestión.“Esperamos que o señor Feijoo non falte a súa palabra e faga valer o peso que di ter en Madrid para que finalmente a nova lei recolla esta cuestión” declarou o deputado de AGE, Antón Sánchez.