Privatización de Portos do Estado

Santiago de Compostela, 15 xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda vai presentar varias iniciativas parlamentares en defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores de Portos do Estado, que sofren o bloqueo do Ministerio de Facenda para  darlle o visto bo ao acordo para o convenio. Alternativa  reclama ao ministro Montoro para que desbloquee o veto e acepte o acordo alcanzado entre Fomento e os sindicatos.

A vicevoceira do Grupo Parlamentario, Yolanda Díaz, mantivo onte á tarde unha xuntanza coa plantilla de Portos, na cidade de Ferrol, no último día do peche que levaron adiante esta semana en defensa de conquerir un convenio. Alén das des-informacións que se verten nos medios, o certo é que Portos é unha entidade pública, saneada, que arroxa beneficios e que lle nega un acordo para un convenio aos seus traballadores e traballadoras.

O trasfondo da negativa de facenda a aceptar o acordo alcanzado entre fomento e os representantes sindicais atópase na determinación do PP de proceder a privatizar este ente público tal e como sinalou a vicevoceira. A privatización dos servizos, a liberalización das tarifas e a entrada a saco das empresas privadas ameazan o futuro do sector e as condicións laboráis da plantilla.

Alternativa Galega de Esquerda manten o seu compromiso coa cidadanía e continuará a loitar tanto no Parlamento tanto como nas rúas para bloquear as intencións privatizadoras do Ministerio e para achar forzas suficientes para acadar un convenio que simplemente palíe a perda de poder adquisitivo que está a producir a axenda empresarial, privatizadora e antisocial do Partido Popular.

 

Relacionados