Privatización do rexistro civil

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) alerta de que o proxecto manexado polo Goberno de Madrid para a “reforma integral” do Rexistro Civil poñen en risco os 200 empregos públicos con que o servizo conta en Galicia. Non só iso: de ir adiante o plan do Executivo de Mariano Rajoy, que suporía a privatización do mesmo, os cidadáns deberán pagar polo seu uso. E serán os rexistradores da propiedade e os rexistradores mercantís quen se encargarán de xestionar o organismo. “Descóbrese a intención do proxecto do Goberno cando se advirte o papel protagonista que se atribúe aos rexistradores da propiedade e mercantís nesta privatización”, argumenta a deputada e viceportavoz parlamentaria de AGE Yolanda Díaz, “que sufragaremos a cidadanía mediante un novo arancel”.

Ante esta situación, Alternativa vén de presentar unha pregunta, a través da parlamentaria Yolanda Díaz, á Xunta, coa intención de saber se o Goberno de Alberto Núñez Feijóo tamén considera que o proxecto de reforma integral dos rexistros encobre a privatización dun servizo público cun efecto negativo no emprego público e nos custes engadidos para a cidadanía. “Este grupo parlamentario”, conclúe Díaz na argumentación da pregunta presentada en sede parlamentaria, “cre necesario reformular o proxecto no sentido de garantir que o rexistro civil permaneza ao coidado de traballadores e traballadoras públicos”.

Relacionados