Privatización e malgasto

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes alerta que en plena emerxencia social o goberno local malgastou 1,6 millóns en analizar edificios municipais cando o podían facer os técnicos municipais. Somos os primeiros en apostar pola optimización de recursos e a mellora enerxética, pero coa que está a caer, semella pouco oportuno investir tal montante de cartos nunha asesoría externa ao concello. Con este contrato, márcanse as pautas a seguir para que a concellería de infraestruturas acabe nas dependencias dalgunha construtora amiga. Está claro que con estes cartos empregados na redacción de documentos, na dirección de obras ou no asesoramento técnico e de control, no só tenta deixar en evidencia ao servizo municipal fronte á cidadanía, se non que introduce unha nova porta aberta á progresiva privatización deste área de traballo.

Esquerda Unida denuncia a privatización da inspección de inmobles municipais para favorecer a empresas amigas, unha nova actuación que demostra que o goberno do Sr. Negreira non sabe o que inventar para gastar os cartos públicos, agasallando a esta empresa cun montante de cartos moi importante. No hipotético caso de que o técnicos municipais non estiveran suficientemente cualificados ou non existira persoal suficiente para esta labor, por un importe infinitamente inferior aos 1,6 millóns de euros malgastados, poderíase reestruturar unha unidade de análise e inspección urbanística pública axeitada aos nosos tempos, que priorizase aspectos tales como a eficiencia enerxética ou a integración urbanística, sen por elo menoscabar aspectos estruturais, de accesibilidade ou de melloras da súa seguridade. E co aliciente de que esta unidade serviría para analizar todos os edificios coruñeses, e non tan só os que son xestionados polo concello.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indígnase fronte a que o goberno municipal pague a unha empresa privada para lle facer o seu traballo e pregúntanse “como se podía mellorar a xestión dos recursos públicos a través de privatizacións millonarias? De seguir esta dinámica o goberno popular acabará con reducir o concello a unha mera oficina de contratación”.

Relacionados