Privatización EMALCSA

Agora, a vista dos orzamentos temémonos o peor, por iso, Esquerda Unida alerta que o saqueo de fondos de EMALCSA por parte do goberno municipal pode ser a antesala da súa privatización. A previsión de ingresos por transferencias correntes aumenta para este ano 2014 nun 24,91%. Isto é consecuencia da operación de espolio orquestrada polo PP para a empresa pública EMALCSA, dado que pretende utilizar as súas reservas de capital para cadrar un orzamento deficitario debido aos suntuosos proxectos do Sr. Negreira deseñados para que poida alardear entre as súas amizades do importante que foi o seu paso polo concello, como o do túnel da Mariña-O Parrote. Detrás desta operación sospeitamos a intención de facela quebrar para así logo xustificar a súa privatización, entregandoa a empresas amigas, para unha vez que os coruñeses os boten do goberno municipal poder aplicar a “porta xiratoria”.

O Grupo municipal de Esquerda Unida– Os Verdes esixe ao goberno local que se comprometa publicamente a non privatizar a empresa pública municipal de augas coruñesa. EU defende por contra un modelo que combine a calidade e a eficiencia na prestación do servizo, coa transparencia e a participación cidadá na súa xestión. A democracia debe impregnar o funcionamento e as actuacións das empresas públicas, o que actualmente non ocorre con EMALCSA. Defendemos  un modelo de xestión que entenda e asuma plenamente que unha boa saúde dos ecosistemas acuáticos é a garantía básica de satisfacción das necesidades humanas a longo prazo.

O voceiro de EU-V, César Santiso, asegura que ao noso entender,  unha correcta xestión debe aspirar a unha maior participación da cidadanía da mesma, que combine a calidade e eficiencia do servizo coa saúde do ecosistema e a transparencia na súa xestión. A eficiencia e a equidade deste modelo garántese tan só con profesionalidade, transparencia, acceso á información, rendición de contas, participación activa dos traballadores das propias empresas, así coma co control público directo da cidadanía”.

Relacionados