Esquerda Unida ven denunciando a privatización progresiva á que a Xunta de Galicia está a someter os servizos sanitarios, dos que é clara mostra o anuncio realizado o venres pasado pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde.
En dita resolución O SERGAS adxudica de novo a unha empresa lucense, por un importe de 1.543.590 euros, a prestación do servizo sanitario de fisioterapia, logopedia e fisioterapia respiratoria aos pacientes beneficiarios da Seguridade Social e protexidos polo servizo Galego de Saúde na provincia de Lugo.
Nun momento en que o recentemente estreado Hospital Lucus Augusti se encontra infrautilizado e con moitas das súas dependencias sen empregar, e tendo en conta que os pacientes beneficiarios destes servizos son enfermos de patoloxías tanto agudas como crónicas, é hora de que o hospital conte cunha área específica no servizo de Rehabilitación para asumir esas labores. Esquerda Unida mantén a súa defensa na xestión e prestación de servizos públicos da Sanidade e considera un gasto innecesario a especulación coas prestacións sanitarias básicas da cidadanía.