Privatización

 

Unha vez máis,  facendo algo distinto e peor ao anunciado,  o Goberno Municipal volve a levar ao Consello de Administración do IMFACOFE,  que se celebra hoxe,  a proposta de privatización da inspección destes tributos para prorrogala.

 

Yolanda Díaz reiterará a oposición frontal do noso Grupo Municipal a semellante pretensión por considerala contraria aos principios coas que se debe rexer o concello. A nosa organización non entende que habendo un ámbito administrativo propio con persoal capacitado, o IMFACOFE, se decida continuar coa privatización da inspección.

 

Non só polo antedito, senón polo despilfarro que suporá esta privatización, que lle vai custar este ano, de se aprobar a prórroga, 100.000 euros ás arcas municipais. Custo que tendo en conta que temos persoal  propio e capacitado para desempeñar semellante función non ten outra explicación que a deriva neoliberal deste Goberno Municipal, que gasta cartos públicos sen motivo e non confía nos propios traballadores e traballadoras municipais.  O Goberno tamén segue sen cumprir o compromiso para modificar a RPT.

 

Noutra orde de cousas, mais que atinxen as tarefas a desenvolver polo Goberno Municipal na área de Facenda, a nosa organización ten que volver a chamar a atención ao Goberno Municipal no que atinxe ao atraso para pór en vigor os acordos en materia de fiscalidade e taxas acadados  coas nosas propostas. O Grupo Municipal  denuncia o atraso para pór en vigor as modificacións nas ordenanzas fiscais acordadas a instancias de Esquerda Unida, en particular a batería de medidas para aumentar a progresividade dos impostos municipais e  perseguir a especulación inmobiliaria e urbanística.

 

Cando vai rematar, queda somentes un trimestre, o exercicio fiscal de 2010, Esquerda Unida se pregunta que pasos deu a Concellería de Facenda para implementar as novas figuras tributarias  acordadas a instancia de Esquerda Unida. Nen no eido da estensión da  progresividade  fiscal aos diversos tributos municipais nen no que atinxe ao combate da especulación coas vivendas baleiras está a cumprir o Goberno Municipal.  Estamos a desaproveitar  unha magnífica  oportunidade para situarmos na vangarda da fiscalidade progresiva no eido municipal atendendo ás necesidades da cidadanía. Progresividade que se contempla no artigo 31 da Constitución e no artigo terceiro da lei 58/2003 Xeral Tributaria.

 

Resta pendente algo tan relevante como facer efectivas as disposicións  tendentes a gravar as vivendas baleiras, segundo se recolle no artigo 72.4 do Texto Refundido da lei de Facendas Locais, mediante o recargo do 50% sobre a cota líquida dos bens inmobles urbanos de uso residencial desocupados de  xeito permanente. Ou a implementación  do incremento na cota en materia de IBI para os soares que cumpran a obriga de edificar.

Relacionados