Proceso constituínte

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, xunto co responsable de política institucional, Carlos Portomeñe, presentaron hoxe en roda de prensa o chamamento á rebelión democrática de cara a un proceso constituínte.

Son tempos de unidade. Esquerda Unida presenta unha campaña que percorrerá toda Galicia e se presentará tamén a nivel estatal na que se insta a todas as persoas, colectivos e movementos, a unha rebelión democrática ante a necesidade de iniciar un proceso constituínte que permita que entre todas e todos construamos e decidamos o marco no que queremos vivir.

Carlos Portomeñe, responsable de política institucional de Esquerda Unida manifesta que “nos atopamos nun momento de excepcionalidade democrática, precisamos iniciar un proceso de acumulación de forzas de cara a posibilidade de abrir un proceso constituínte e participativo.” O actual réxime se está derrubar, exemplo delo é como se está materializar a alianza entre a monarquía e os poderes do IBEX 35 coa corrupción que supura tanto duns coma doutros.

Yolanda Díaz afirma que “os poderes oligárquicos, os partidos do réxime e a monarquía veñen de pactar unha segunda transición unha vez máis sen a participación do pobo, nos queren converter non só en mercadoría, sen dereitos e sumisa, senón que queren acabar con nós” e continúa, “é preciso acumular forzas, iniciar un proceso que remate con esta economía de casino e a resitúe ao servizo da cidadanía”.

Por todo isto Esquerda Unida fai un chamamento á acumulación de forzas en torno ao obxectivo común de recuperar os nosos dereitos, e demostrémoslle aos “poderosos” que o pobo é quen máis ordea, e que o pobo será quen construa unha nova Constitución avanzada socialmente, promotorá da participación e garante da soberanía popular .

 

Relacionados