Programa de discapacidade

Aínda que o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes celebra a iniciativa dun programa municipal para discapacitados, considera que non se están a escoitar as prioridades dun colectivo en pe de guerra polos continuos recortes na lei de dependencia. Ben é certo que esta iniciativa supón unha mellora na calidade de vida de persoas discapacitadas. Non obstante, dende EU consideramos unha incoherencia que o PP aprobe este programa a nivel mentres Rajoy está a desmantelar a lei de dependencia e Feijoo reduce prazas en centros de ensino especiais que promoven a integración, como é o caso do colexio Nosa Señora do Rosario.

Semella que o goberno local debería esixir aos seus colegas de partido unha protección ao colectivo de discapacitados en lugar de permitir que sexan abandonados na absoluta indefensión. Debe ser unha obriga da administración local reclamar o avance na inclusión e nos dereitos dos discapacitados. De que serven talleres de pintura, risoterapia ou baile sen acceso á lei de dependencia? as persoas precisan en primeiro lugar ter aseguradas as súas necesidades primarias como comer, vestir, etc. A lóxica do goberno local parece encamiñada á obtención de votos máis que á mellora da calidade de vida dos discapacitados.

Esquerda Unida considera que o goberno municipal debe priorizar actuacións e centrarse en solucionar as deficiencias no servizo de axuda a domicilio, xa que a día de hoxe continuamos a recibir eivas de usuarios polo mal funcionamento  no servizo de axuda a domicilio debido a fallos de coordinación da empresa adxudicataria, Ingesan que están a prexudicar fondamente aos dependentes. Ante estas circunstancias, esiximos ao goberno local que se implique e solucione o conflito.

Non cabe dúbida de que as administracións deben tomar un papel activo na defensa dos dereitos e intereses de persoas discapacitadas para acadar un certo grado de equidade co resto da poboación. A postura contraria sería mostra dunha inxustiza atroz e dun intento de cargar á parte máis débil da sociedade cos erros doutros. Non podemos retroceder na inclusión, nos dereitos gañados, no benestar conseguido. Xa que logo, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “SEMELLA INHUMANO QUE O GOBERNO CENTRAL DO PP APLIQUE POLÍTICAS TÓXICAS AS PERSOAS QUE TEÑEN UNHA DEPENDENCIA”.

Relacionados