Prohibición de pesticidas

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quere que Galicia sexa país pioneiro en prohibir os pesticidas que aniquilan as abellas. “Os pesticidas sistémicos [en concreto, os neonicotinoides e os fenilpirazoles], utilizados masivamente na agricultura intensiva, son unha das causas da mortalidade das abellas e dos fenómenos do colapso das colonias”, expón, no texto da proposición non de lei, o deputado de AGE Antón Sánchez, “e as abellas constitúen o vector de polinización indispensábel para a biodiversidade”. A maiores, engade a argumentación, o 35% da produción mundial de alimentos está relacionada cos insectos polinizadores.

Malia a frivolización que o Partido Popular realizou da proposta de Alternativa na comisión parlamentaria, esta saíu finalmente adiante logo de que AGE aceptase unha transacción. E nela, o Parlamento de Galicia insta ao Goberno de Madrid a que investigue e avalíe estes praguicidas para despois suspender a súa fabricación, comercialización e utilización. “Paréceme moi grave que vostedes frivolicen con este tema”, afirmou Antón Sánchez, “pero é que o PP xa frivolizou con temas como o cambio climático ou como o cénit do petróleo. Iso si, non é frívolo agradecerlle ao Papa o seu traballo, como fixo onte Feijóo, nin condenar o inexistente terrorismo de Galicia”.

Sánchez lembrou que numerosos países europeos xa adoptaron medidas encamiñadas á eliminación destes pesticidas. “É un dos vieiros para unha agricultura sustentábel, reverter o descenso das abellas en Europa”, concluíu o parlamentario de AGE.

Relacionados