Promovendo unha Cultura de Paz

Dende Esquerda Unida proporemos a creación, nos concellos nos que esteamos representados, de Áreas ou Concellarías propias de Cultura. Traballaremos para poñer en marcha o Instituto Municipal de Cultura co fin de deter o desmantelamento dos servizos públicos culturais. Ademais, crearemos órganos de ámbito supramunicipal para coordinar e planificar a oferta cultural desde un enfoque cooperativo e de cohesión social.

En relación á cultura de paz, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, sinala que “dende os gobernos de esquerda temos que defender a cultura, ao igual que a educación, coma un eixo artellador das políticas municipais dos concellos nos que esteamos presentes, xa que estes valores representan o elo da nosa identidade e contribúen ao proceso convivencial que debe nutrir ás localidades”. “Temos que ver a cultura como espazo de intercambio de experiencias e de socialización, afastada do enfoque meramente consumista e competitivo do capitalismo. Neste senso, a cultura é un ben común que debe poñer ás persoas, mediante os mecanismos da democracia participativa, no centro da acción política”, precisa Díaz.

Ademais, nos concellos nos que estea presente Esquerda Unida, implantaremos a exención do pago do canon por préstamo e adquisición que establece o Real Decreto 624 / 2014 para as bibliotecas públicas de Galicia e outras entidades como museos, arquivos, hemerotecas, fonotecas ou filmotecas; así como as que pertenzan a entidades de interese xeral de carácter cultural, científico ou educativo sen ánimo de lucro. Neste sentido, Esquerda Unida propón a mellora dotacional das bibliotecas de barrios, parroquias e das asociacións culturais.

Cultura de Paz e Internacionalismo

Os concellos onde estea Esquerda Unida serán Concellos de Paz, que traballarán pola resolución pacífica dos conflitos, que desenvolverán un traballo de sensibilización con respecto aos países empobrecidos e que loitaran pola xustiza social, a igualdade e a equidade en todas as súas actuacións de cooperación ao desenvolvemento.

Esquerda Unida negarase a que se ubiquen instalacións militares e recuperará o solo cedido ás mesmas para fins sociais e que enfaticen políticas de solidariedade cos pobos oprimidos e unha firme aposta por unha cultura de paz. Non se empregará diñeiro público para promocionar a industria militar.

Ademais, desde estes concellos daremos apoio a campañas permanentes de solidariedade cos pobos oprimidos, tales como o Sáhara ou Palestina. Tamén levaremos a cabo campañas de sensibilización sobre a situación dos pobos do mundo, en firme defensa cos Dereitos Humanos facilitando as ferramentas didácticas e pedagóxicas necesarias.

Defendemos concellos con Memoria

Dende Esquerda Unida propoñemos borrar das nosas vilas calquera referencia honrosa ao pasado franquista, recordando e dignificando a memoria de quen nos precedeu e devolverlle os dereitos perdidos.

Unha das formas máis dignas de facer memoria é sermos laicos, coa separación efectiva entre a Igrexa e os asuntos públicos do Concello. Os nosos municipios deben ser respectuosos con calquera confesión relixiosa mantendo unha estrita neutralidade confesional nos diferentes espazos públicos.

 

Relacionados