Propostas de escravitude

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera que o último e presunto plan de emprego xuvenil presentado con bombo e prato por Núñez Feijóo “converterá a mocidade en escravos das empresas privadas”. Así o expuxo o deputado Juan Fajardo esta mañá, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia na que degrañou as “falacias” das que está inzado o proxecto do Partido Popular. “Falan de cen millóns de euros para 95.000 mozas e mozos en situación de desemprego”, explicou, “cando, segundo a Enquisa de Poboación Activa hai 74.000 sen traballo. É dicir, ¿fan un plan de emprego para máis mozos dos que están desempregados?”.

Mais, independentemente das falsidades que contén un proxecto unicamente propagandista, que se limita a “xuntar nun papel as políticas xa fracasadas na práctica deste Goberno”, o presunto plan de emprego xuvenil, de se levar adiante, suporía “42 euros ao mes para os mozos e as mozas desempregados”. “Isto só se explica porque os nosos gobernantes”, engadiu Fajardo, “viven no mundo dos sobres, e non no das facturas da luz e do gas”. Este exercicio indisimulado de “populismo e publicidade”, ademais, garda o 75% do seu investimento de cartos públicos para as denominadas bolsas. “O truco é redondo. A xente que recibe unha destas bolsas desaparece da lista do paro para pasar a ser explotados laboralmente por 426 euros ao mes. A realidade é que convertemos os nosos mozos e mozas en escravos da empresa privada”, afirmou.

A maiores, a opción polo traballo precario e sen dereitos que adopta o Partido Popular de Núñez Feijóo implica “un bombardeo do emprego fixo que aínda existe neste país”. Igual que o abuso do eufemismo emprendemento, que se repite de seguido na propaganda da dereita. “Iso significa, simplemente, que están a enviar aos nosos mozos e mozas ás quenllas. Porque o autoemprego non é unha saída cando a economía, como pasa en Galiza, está totalmente paralizada”, abundou Fajardo.

Os vieiros que propón Alternativa Galega de Esquerda para unha saída non reaccionaria da situación actual da crise é moi outra. O primeiro paso, unha aposta decidida polos sectores primarios. “O comercio e o autoemprego só poden ser unha pata. Os sectores primarios son fundamentais. Por exemplo, cen millóns de euros aplicados ao marisqueo crearían milleiros de postos de traballo. Ou á mobilidade de terras improdutivas”, asegurou. Tamén se referiu á necesidade de que o Goberno galego fomente unha economía cooperativista “de verdade”. E rematou poñendo exemplos concretos: “Na conserva do Salnés, ou en empresas de tecnoloxías, pecháronse fábricas por decisións patronais erradas. A Xunta debería prestar un verdadeiro apoio, mediante estudos de mercado ou de viabilidade, a iniciativas cooperativas que loiten contra o abandono de estruturas industriais que aínda teñen capacidade tecnolóxica e mercado”.

Relacionados