ensin.publ.jpg - 8.47 Kb

Non a exclusión no ensino

 

Ao abeiro do Real-Decreto Lei 14/2012 de “medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo”, que contén en realidade medidas que degradan a calidade da educación en tanto que servizo público, a nosa organización no Parlamento do Estado, a Esquerda Plural, rexistrou o 4 de xuño de 2012 unha Proposición non de Lei para impedir o alcance segregador, discriminatorio, deste Real-Decreto Lei, digno do racismo institucional que defende o Partido Popular.


Referímonos ao feito de que os estudantes estranxeiros non comunitarios teñan que pagar o 100% do custo do grao universitario. Aplicar esta doutrina significaría que este estudantado pasaría de pagar por un grao entre 700 e 1000 euros a pagar entre 7000 e 10000 euros. Unha auténtica aberración.


Hai que ter en conta que este alumnado ten tarxeta de residencia por estudos e non pode traballar e que tampouco pode solicitar bolsas. Estudan e viven polos seus propios medios.


Esta medida é fondamente inxusta, xa que moito deste alumnado xa leva ao mellor un, dous ou tres anos cursando os seus estudos. Un incremento tan brutal coma o que contempla o Real-Decreto Lei significa en primeira instancia a imposibilidade de afrontar os custos do grao e, en segundo termo, a obrigatoriedade de voltar ao seu país de orixe sen rematar a súa formación. E, por último, de aplicarse este Real-Decreto Lei, o noso país ergue unha nova fronteira que imposibilitará a internacionalización dos nosos campus.


A Proposición Non de Lei rexistrada polo noso grupo pretende garantir o dereito á educación, defender a calidade do ensino público e eliminar do noso sistema normativo unha norma inxusta, discriminatoria e racista.

Relacionados