Proposta de transparencia

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que A Coruña suspende en canto a transparencia, ocupando o posto 85 de 110 en canto a transparencia en contratacións públicas en materia de externalización de servizos. Un dato que amosa que o PP no considera como nos que a transparencia é vital para un sistema democrático pois a xestión municipal foi en 2012 menos transparente que en 2011 tal e como revela o informe sobre opacidade de transparencia internacional.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “dende a chegada do PP a María Pita a transparencia en contratación descendeu nun 65% o que amosa a mala praxe deste goberno municipal pasando de 71,4 puntos no 2010 ao 25 no 2012 o que lle sitúa na cola das administracións analizadas”. Dende EU sempre nos queixamos da falta de transparencia do concello da Coruña, máis dende a chegada do PP a cousa está a empeorar. Estes situación amosa con claridade o acerto das nosas reiteradas denuncias en canto a opacidade na xestión municipal e do abuso dos contratos a dedo, que outrora tanto denunciaba dende a oposición o grupo municipal do PP.

Esquerda Unida propón que o Concello faga públicos na web os expedientes administrativos para mellorar a transparencia. Obviamente esta proposta pretende avanzar até onde permita a lei de protección de datos. Entendemos que o orzamento público é unha propiedade de todos cidadáns xestionada polos nosos representantes elixidos democraticamente, e por iso todos temos o dereito de saber en todo momento e con todo detalle que se fai co diñeiro público, o noso diñeiro, do mesmo xeito que coñecemos en todo momento e con todo detalle o saldo e os movementos das nosas contas bancarias persoais. A única razón pola que as administracións manteñen a xestión dos fondos públicos nun estado de opacidade é para facilitar a impunidade dos comportamentos corruptos. Para terminar cunha xestión administrativa que na práctica é secreta, e co obxectivo de lograr a maior transparencia, achegando a cidadanía á realidade cotiá do concello e minimizando a posibilidade de comportamentos corruptos, propomos e non comprometemos a cumprir:

– Que non se adxudique ningún contrato, obra ou servizo por procedementos sen publicidade e sen que todas as ofertas recibidas, xunto coas súas respectivas valoracións e informes técnicos e xurídicos, estean integramente a disposición do público para a súa consulta libre, anónima e sen restricións na páxina web municipal.

– Que non se pague ningunha certificación de obra, factura, subvención ou convenio con cargo a fondos municipais sen que todos os informes técnicos e xurídicos que xustifiquen o seu pago estean integramente a disposición do público para a súa consulta libre, anónima e sen restricións na páxina web municipal.

– Que ningún representante municipal en empresas públicas, consorcios e outras administracións vote a favor de acordos que non contemplen un nivel de transparencia equivalente ao exposto.

Relacionados