Lugo Propostas contra a corrupción

 

Esquerda Unida – Os Verdes presenta as súas propostas para rematar coa corrupción e asegurar o comportamento ético dos cargos públicos.

 

O enfrentamento bipartidista entre PSOE e PP sobre a Operación Campeón, o “e ti máis” habitual moi visible no tratamento das noticias nos grupos de comunicación afíns aos dous partidos, xenera unha cortina de fume sobre o problema real: a presunta implicación de cargos públicos de PSOE, PP e BNG na corrupción política en Lugo.


A corrupción é un cáncer para a democracia e causa de desprestixio da política e do público. Pero a corrupción non é so un problema moral, senón estrutural, con raíces económicas e sociais no propio sistema. No caso de Lugo, as causas abertas por corrupción nos xulgados amosan un problema estrutural onde se ve implicado o principal entramado político-empresarial da provincia.


A tolerancia social fronte á corrupción debe cambiar e de feito está cambiando; así o amosaron os centos de persoas que en Lugo saíron ás rúas Contra a corrupción e en defensa da Xustiza.

 
É absolutamente necesaria unha rexeneración democrática que require cambios normativos, pero tamén un cambio cultural impulsado por unha autorreforma dos propios partidos políticos. Dita rexeneración da vida democrática so será posible mediante:


   • A aprobación dunha lei integral e severa anti-corrupción, incorporando o delito de enriquecemento ilícito (patrimonio inxustificado), ou presuncións sobre a titularidade de bens, ou obligacións de declarar, ou medidas cautelares que impoñan o cese de políticos imputados e o abandono do cargo. Os corruptos terán que asumir os costes directos e indirectos que reportan das súas accións delictivas: aquelo evadido ou dañado; prexuízos a terceiros, costes de restitución do dereito lesionado e costes xudiciais.

   • Eliminación da inmunidade asociada ao cargo no relativo aos delitos de corrupción.


   • A imprescriptibilidade dos delitos de corrupción.


   • A redución dos cargos de libre designación. O Concello de Lugo e a Deputación son dous exemplos claros e negativos do uso da figura dos asesores.


   • A publicación obrigatoria do patrimonio de todos os cargos públicos.
   • O control estricto do absentismo dos cargos electos nas súas respectivas responsabilidades.


   • Sancións específicas por deixación de funcións.


   • Supresión dos privilexios de cargos electos no pago de impostos, os anos de cotización, a contía das pensións e en xeral calquera privilexio socio-laboral ou fiscal.


   • Os salarios dos representantes electos non poden exceder o do funcionario de rango máis alto da administración na que exerce o seu labor.


   • A regulación estricta de incompatibilidades durante o exercicio de cargos públicos para evitar a simultaneidade coa participación en entidades privadas con ánimo de lucro.


   • A regulación estricta das incompatibilidades tralo exercicio do cargo público para evitar o enriquecemento baseado na información obtida durante o desempeño de ditos cargo.


   • A Adopción de medidas estrictas contra o transfuguismo.


   • A revocabilidade dos cargos públicos. Incluirase na Constitución o procedemento de revocatorio ou moción de censura cidadá do Presidente do Gobierno, dos presidentes das Comunidades Autónomas, dos alcaldes e dos diputados e senadores, adaptándoo aos diferentes procedementos de elección de cada un destes cargos.  O procedemento de revocación poderíase poñer en marcha transcurrida a mitade do período para o que foi elexido o cargo público, por un número non menor do vinte por cento do electorado da circunscripción. Unha vez conseguidas as sinaturas suficientes someteríase a votación popular a proposta de revocación.

 

Relacionados