Protección animais abandonados

Esquerda unida demanda ao Goberno municipal maior implicación coa protección animal. Os poderes públicos teñen que intervir ante a crueldade contra os  animais e paliar lacras como o abandono e o maltrato. Dende logo coa vía coercitiva cara os activistas que precisamente loitan por atallar estas problemáticas é difícil acadar obxectivo algún. Mentres en Zaragoza, por exemplo, existen propostas para dar apoio público á xestión das colonias felinas nas beiras do río Ebro por parte dos activistas, que realizan labores como a alimentación e a esterilización para evitar unha proliferación das poboacións, o Concello da Coruña aposta polo uso da Policía Local para multar ás persoas que realizan estas tarefas no municipio.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha batería de preguntas de resposta escrita sobre a realización de campañas de apoio ao tecido a prol da protección dos animais abandonados nos contornos urbanos, en colaboración coa asociación animalista Libera, baixo o tenor literal seguinte:

– Ten previsto o Goberno municipal desenvolver algún proxecto de xestión responsable de colonias felinas?

– Canto investiu o Goberno municipal en protección animal durante 2012? ¿Canto pensa investir neste ano?

– Cantos encontros mantivo o Goberno municipal con entidades non lucrativas sobre o tema das colonias felinas? ¿E cantos con estas organizacións para tratar aspectos de protección animal en xeral?¿Ten previsto o Goberno municipal desenvolver algún proxecto de xestión responsable de colonias felinas?

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o Concello non pode participar da captura e matanza de gatos, que en moitos casos están esterilizados, baixo control veterinario e non supoñen problema de saúde pública algún. Resulta lamentable que a única resposta do Concello nesta materia sexa sancionar e recorrer a unha eliminación sistemática, que pagan tódolos coruñeses e coruñesas. Resulta lamentable que a iniciativa privada e non lucrativa teña que asumir tarefas que corresponden ao Concello e non se busque unha colaboración.”

Relacionados