Alternativa Galega de Esquerda vén de rexistrar, en colaboración coa asociación animalista Libera, unha proposición de lei para reformar a actual normativa sobre protección de animais domésticos e salvaxes en catividade. “Trátase dun primeiro paso para mellorar as condicións de vida dos animais en Galiza”, expuxo esta mañá a deputada de AGE Eva Solla, “e para contribuír á eliminación do seu maltrato”. Acompañada polo membro de Libera e mais polo tamén deputado de AGE Ramón Vázquez, Solla lembrou, ademais, a necesidade de “sensibilizar” á poboación na protección dos animais.
A proposición de lei (no documento anexo) inclúe, a respecto das campañas de sensibilización, unha disposición para financiar campañas públicas a partir dos cartos recadados polas sancións por maltrato. En concreto, Rubén Pérez referiuse a que se recadarían catro millóns de euros con aplicar a sanción mínima vixente –infracción grave, 300 euros- aos 13.000 animais abandonados que, calcula, hai arestora no país. “Con eses cartos poderíanse habilitar unhas boas campañas de sensibilización”, considerou Pérez. A proposición de lei propón a maiores incrementar a contía das multas.
“A lei vixente é de 1993”, denunciou o activista, “e agora cómpre intentar construír unha verdadeira política pública de benestar para os animais”. A deputada de Alternativa Eva Solla instou aos demais grupos políticos con representación na Cámara galega a apoiar a iniciativa, “o mínimo imprescindíbel para comezar a eliminar o maltrato animal neste país”.