A violencia de xénero é unha lacra social de difícil solución que ten a súa orixe en valores herdados de sociedades baseadas en principios machistas e patriarcais, polo tanto require de importantes accións de concienciación e reprogramación social que se teñen que manter no tempo. Mais o resultado destas accións tarda moitos anos, décadas e incluso xeracións en dar os seus froitos, xa que logo, semella necesario implementar actuacións de efecto inmediato que permitan reducir o impacto e número de agresións.
Esquerda Unida aposta por dotar de capacidades de autoprotección ás mulleres agredidas e a potenciais vítimas de violencia de xénero, para iso é necesaria a implicación dos poderes públicos. Entendemos que precisamente o Concello como Administración máis próxima á cidadanía ten máis capacidade para desenvolver mecanismos de axuda que permitan ás mulleres incrementar as súas capacidades de defensa diante de posibles agresións, centrando a súa actuación en evitar o enfrontamento físico, aínda que por suposto se prepara as mulleres para afrontar esta situación se chegase o caso.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes xunto coa Federación Española de Loitas Olímpicas están a traballar dende setembro de 2011 nun proxecto real e pragmático para que o Concello loite eficazmente contra a violencia de xénero. Este proxecto pioneiro na Galiza, pretende achegar solucións de intervención e prevención diante da violencia machista desde a óptica do deporte.
O proxecto susténtase en adestradores deportivos profesionais e amateurs da Federación Española de Loitas Olímpicas (FEL) quen voluntariamente invisten o seu tempo e coñecemento de forma gratuíta no proxecto de autoprotección para vítimas da violencia de xénero. A Federación, dentro da súa liña de acción chamada loitas solidarias, dispón de psicológos, criminalistas, expertos en primeiros auxilios e avogados para traballar conxuntamente cos servizos sociais do Concello e así poder dar un apoio total ás vítimas de violencia de xénero e desenvolver plans de seguridade personalizados segundo as características de cada persoa, a súa situación persoal e as características do agresor. O Concello limitase a colaborar na cesión das instalacións para poder impartir os cursos. É dicir que o Concello non ten que investir nin un so eruo, en definitiva un proxecto no que gañamos todos e non perde ninguén.
As mulleres en nivel de intervención, é dicir as vítimas denunciantes, poderán acudir a devandita formación de forma totalmente gratuíta, mentres que as mulleres en nivel de prevención pagarán unha pequena cota simbólica para sufragar os custes do servizo, que ben definirá o coordinador local do proxecto da FEL ou ben o propio Concello, segundo o nivel de renda, si decide tamén xestionar os cursos, como dende EU propondrémos ao Concelleiro de Servizos Sociais nunha xunta que solicitaremos para a próxima semana.
O proxecto está enfocado en ensinar hábitos de vida saudables, técnicas de autoprotección, protección de terceiros a cargo como nenos e maiores, uso de spray de defensa homologado, primeiros auxilios, detección de vixilancias ou escape do cativerio, Como punto diferenciador, o programa ensina ás mulleres a elaborar o seu propio plan de seguridade familiar, dependendo da personalidade do seu agresor, o tipo de vivenda onde reside, etc.
César Santiso, indicou que “presentei persoalmente as liñas mestras do proxecto ao concelleiro de servizos sociais quen o valorou moi positivamente, amosando a súa dispoñibilidade a participar no proxecto, polo que agora demandarei a presencia do coordinador estatal de Loitas Solidarias da FEL para facer unha presentación completa das potencialidades do proxecto, tanto á corporación, como aos membros dos servizos sociais, as asociacións de mulleres e aos propios medios de comunicación que tamén deben adquirir un importante grado de implicación a nivel divulgativo para que tanto as vitimas como as potenciais vitimas o coñezan.
Tal e como acordei con Miguel Lorenzo faremos a dita presentación nun centro cívico e si todo sae como esperamos en breve asinarase un convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a FEL.







