Proxecto Coruña Futura

 

Esquerda Unida valora positivamente o proxecto Coruña Futura pero considera un despropósito gastar 900.000 € nun estudo. Sempre consideramos fundamental definir as liñas estratéxicas da cidade que queremos para o futuro. Apostamos decididamente por unha cidade centrada no coñecemento, máis sustentábel, menos dependente do petróleo, xeradora de emprego, amigábel para as persoas e con máis e mellores servizos a cidadanía grazas á utilización das novas tecnoloxías, a racionalización do gasto público e a mellora da eficiencia nas tarefas administrativas.

 

Máis para iso non son necesarios semellantes investimentos, nestes tempos de crise e falta de financiamento semella indignante observar como se malgastan os cartos públicos desenvolvendo estudos e deseños que facilmente poderían realizarse con recursos propios e locais mediante convenios de colaboración coa Universidade, medida que ademais fomentaría a creación de emprego local.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os principios deste proxecto é o que venmos defendendo dende fai tempo, magoa que o Goberno municipal tardase un ano en decatarse, precisamente cando a rapidez de acción dos poderes públicos é fundamental para evitar que o tecido produtivo local se desvaneza”.

 

César Santiso, en relación as palabras do alcalde: a planificación é o mellor antídoto para evitar a improvisación e as cidades somos claves na saída da crise subliñou “semella que a nosa insistencia nestes principios, día a día, pleno a pleno, o Goberno municipal cae na conta que para unha correcta gobernanza é necesario ter plans de goberno, que o Concello ten nas súas mans a reactivación económica local e que esta pasa polo cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel baseado no coñecemento, algo que levamos demandando dende EU-V dende que o PP chegou ao goberno”.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o PP volve a utilizar os estudos como coartada para agachar a súa inacción de goberno e a falta dun plan estratéxico de cidade. O estudo que pretende desenvolver non é outra cousa que o plan que prometía durante as eleccións e que se tiña que estar desenvolvendo neste primeiro ano, con todo o goberno local anuncia agora a súa elaboración por un período de dous anos, polo que as medidas do dito plan non as poderá executar porque xa rematará o seu mandato. É dicir, o PP utiliza unha nova cortina de fume de case un millón de euros, pagada con cartos de todos os coruñeses e coruñesas.

 

Por outra banda, o Alcalde amosa un alto grado de incoherencia cando fala de participación cidadá pero pretende convocar un concurso internacional millonario para que deseñen a nosa cidade, é dicir en lugar de apostar pola participación cidadá e o talento local, prefire que a golpe de talonario veña xente de fora a definir cal é o tipo de cidade que queremos os coruñeses e coruñesas.

Relacionados