Proxecto de lei do Solo

Santiago de Compostela, 23 maio de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, vén de cualificar o proxecto de lei do solo –cuxa comisión non permanente se constituíu esta mañá no Parlamento de Galicia- de “promotor do desenvolvemento insostíbel e depredador do territorio”. “A norma liberaliza e facilita o libre albedrío dos especuladores”, engade Sánchez. Porque as novas disposicións normativas sobre o solo rústico e o solo de núcleo rural aguzan aínda máis a sistemática destrución do medio rural emprendido polo Goberno de Núñez Feijóo. “O proxecto elimina o solo rústico de protección agropecuaria e desprotexe o solo destinado á produción de alimentos”, indica o parlamentario de AGE, “cando debera priorizar o uso agrícola nun país que gasta 900 millóns de euros anuais en alimentos de fóra”.

Ademais, o proxecto de lei afasta o poder de decisión dos concellos, que cada vez terán menos voz para decidiren sobre as actividades mineiras ou eólicas nos seus territorios. A tramitación de plans especiais previstos na lexislación sectorial para a ordenación dun sistema xeral farase de acordo coa lei de ordenación do territorio e non co previsto no proxecto de lei do solo. “Máis doado para os intereses da Xunta”, afirma Antón Sánchez, “os proxectos sectoriais apróbaos a Xunta e os plans especiais, os concellos”.

A norma tamén crea inseguridade xurídica. A diferenza da Lei 9/2002, que derrogaba expresamente a Lei 1/1997, “este proxecto de lei non derroga a Lei 9/2002 [LOUG], xa que a súa disposición derrogatoria refírese unicamente a ‘a cantos preceptos de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei’, sen mencionar á LOUG”. O texto tampouco declara que preceptos da LOUG se declaran subsistentes, co cal van concorrer dúas normas de igual rango normativo, a LOUG e a nova lei, subsistindo a primeira en todo aquilo que non se opoña á segunda. “De non corrixirse tal erro xurídico, a inseguridade xurídica e o caos interpretativo vai ser enorme”, asegura Sánchez, “a beneficio da discrecionalidade e a interpretación mais favorable aos intereses particulares”.

 

Relacionados