Esquerda unida denuncia que continúan as queimas incontroladas en penamoa sen que os poderes públicos actúen. Xa temos denunciado a dita situación en innumerábeis ocasións, alertando do perigo para a saúde que supón a queima indiscriminada de plásticos que emiten gases tóxicos, así como a degradación do contorno natural de Penamoa. Mais os poderes públicos, nomeadamente o Concello, continúan sen actuar.
Pero é que ademais dos danos de saúde e medioambientais, a permisividade coa que están a actuar os poderes públicos está a supoñer un enorme gasto de recursos debido aos continuos desprazamentos á zona para extinguir os incendios, por parte dos servizos de emerxencias, tanto municipais como autonómicos.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará ao goberno municipal no Pleno do luns polo custe económico que supón os continuos desprazamentos dos servizos de emerxencia para apagar as queimas porque os servizos de emerxencias, tanto bombeiros do Concello como dotacións de forestais da Xunta de Galicia están a realizar continuos desprazamentos até Penamoa para apagar os lumes debido a falta de control, vixilancia e limpeza da zona. A situación é tan surrealista que os provocan os lumes utilizan aos servizos de emerxencias para a extracción do cobre, unha vez que os bombeiros apagan o lume e se van.
Transcribimos literalmente o texto das preguntas:
– Cantos desprazamentos á zona tiveron que desenvolver os bombeiros municipais por mor das queimas ilegais dende xuño de 2011? E en canto estima o goberno municipal o custe dos servizos desenvolvidos?
– Cantos desprazamentos á zona tiveron que desenvolver outras dotacións de emerxencias como por exemplo os forestais da Xunta de Galicia, por mor das queimas ilegais dende xuño de 2011? E en canto estima o goberno municipal o custe dos servizos desenvolvidos?
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “xa que o goberno municipal non actúa para protexer a saúde da veciñanza e o medio natural, esperemos que polo menos actúe por intereses económicos”.