Público, universal e gratuíto

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, esixiu onte no pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta inicie “os trámites necesarios para converter as escolas infantís nun servizo público universal e gratuíto”. Entrementres estes trámites non comezan, engadiu, “é imprescindíbel deixar sen efecto o artigo un do decreto 49/2012 e, así, conxelar os prezos para as familias das garderías”. Alternativa aceptou as emendas dos outros grupos da oposición –BNG e PSdeG- mais topou coa negativa do Partido Popular, sempre ao servizo dos ricos e das clases altas ás que tan ben representan. Para o PP de Feijóo, a igualdade de oportunidades e os servizos públicos básicos son o inimigo.

“Os salarios decrecen en Galicia por riba da media do Estado español e de Europa”, sinalou Fajardo, “e o desemprego e as persoas que non reciben xa prestación atinxen cifras insoportábeis. Neste contexto, a autodenominada Consellaría de Benestar aproba unha resolución o sete de agosto para aumentar os prezos das escolas infantís un 2,2%”. Coa decisión do departamento de Beatriz Mato, tomada coa habitual aleivosía estival deste Goberno, unha familia no limiar da pobreza deberá pagar 93 euros ao mes. “Este incremento é absolutamente inaceptábel, máis na situación actual das familias galegas”, explicou Juan Fajardo, quen lembrou que esa suba contradí o propagandístico plan de dinamización demográfica da propia Xunta.

Relacionados